O demócrata Bernie Sanders cancela a súa campaña tras ser ingresado por unha obstrución arterial

O aspirante á candidatura presidencial descansará "os próximos días" e anula os seus actos ata un novo "anuncio"
Bernie Sanders, en un acto en septiembre. EFE
photo_camera Bernie Sanders, nun acto en setembro. EFE

O senador Bernie Sanders, aspirante á candidatura presidencial demócrata en Estados Unidos, cancelou a súa axenda de campaña tras ser hospitalizado ao sufrir unha obstrución arterial en Las Vegas, segundo informou este mércores a súa campaña.

"Durante un acto de campaña este martes á noite, o senador Sanders sufriu un malestar no peito. Tras unha avaliación e exames médicos descubriuse que tiña unha obstrución arterial e inseríronselle dúas estent con éxito", afirmou un dos seus asesores principais, Jeff Weaver, nun comunicado. "O senador Sanders está a falar e de bo ánimo. Estará a descansar durante os próximos días", apunta a nota, que agrega que se cancelarán os seus actos e aparicións "ata un próximo anuncio".

O demócrata, de 78 anos, é un dos tres septuaxenarios da carreira demócrata á Presidencia, xunto co exvicepresidente Joe Biden, de 76, e a tamén senadora Elizabeth Warren, de 70 anos.

Para este mércores, Sanders tiña previsto participar nun acto sobre o control de armas en Nevada.

Tras coñecer a noticia, unha das súas rivais pola candidatura demócrata, a senadora Kamala Harris, tuiteou: "Pensando en Bernie Sanders hoxe e desexándolle unha recuperación rápida. Se hai algo que sei sobre el é que é un loitador e quero velo de novo en campaña pronto".

Outro dos seus adversarios demócratas, Cory Booker, senador por Nova Jersey, empregou a mesma rede social para desexar a Sanders unha "pronta recuperación". 

Sanders xa loitou pola candidatura demócrata en 2016 contra Hillary Clinton, quen finalmente foi a nomeada. O senador por Vermont é unha das principais figuras da á máis esquerdista do Partido Demócrata.

As últimas encuestan sitúan a Biden á cabeza da intención de voto, seguido por Warren e Sanders. Aínda que a contenda demócrata hai meses que se libra, os candidatos non se verán as caras nas urnas ata o 3 de febreiro do ano próximo, cando Iowa, o primeiro estado en votar, celebrará as súas primarias.

Comentarios