O deputado Teodoro García Egea, novo secretario xeral do PP

A exministra de Sanidade Dolors Montserrat ocupará a portavocía do partido en substitución de Rafael Hernando e Javier Maroto será secretario de Organización 

Teodoro García Egea, Javier Maroto y Dolors Montserrat. EFE
photo_camera Teodoro García Egea, Javier Maroto e Dolors Montserrat. EFE

Teodoro García Egea, xefe da campaña de Pablo Casado nas primarias dos populares, será o novo secretario xeral do PP.

Así o anunciou Casado na súa intervención ante o Comité Executivo Nacional do PP, reunido este xoves en Barcelona, na que tamén avanzou que o secretario de Organización do partido será o exalcalde de Vitoria e ata agora vicesecretario de Sectorial do PP, Javier Maroto, cargo que anteriormente ocupaba Fernando Martínez-Maillo.

Doutra banda, a exministra de Sanidade Dolors Montserrat será a nova portavoz do PP no Congreso, mentres que Ignacio Cosidó será o novo portavoz do partido no Senado.

Montserrat, que foi a portavoz da campaña de María Dolores de Cospedal nas primarias do PP e que na segunda rolda deste proceso apoiou a Pablo Casado xunto a ela, toma así a substitución de Rafael Hernando na portavocía do PP no Congreso.

Casado contará con tres persoas da máxima confianza de Cospedal e unha de Santamaría

Desta forma, a nova cúpula do PP terá a tres persoas da máxima confianza da exsecretaria xeral María Dolores de Cospedal, e a unha persoa da candidatura de Soraya Sáenz de Santamaría.

Do equipo de Cospedal estarán Dolors Montserrat, Isabel García Tejerina e Vicente Tirado mentres que do de Santamaría entrará Cuca Gamarra.

Casado deu vicesecretarías a dúas persoas da confianza de Cospedal: A exministra Isabel García Tejerina, será a vicesecretaria de Sectorial do partido, en lugar de Maroto, mentres que Vicente Tirado, o número dous en Castela-A Mancha, ocupará a Vicesecretaría de Política Autonómica e Local, substituíndo a Javier Arenas.

As Vicesecretarías complétanse con Cuca Gamarra, a alcaldesa de Logroño, que será responsable de Política Social, e que apoiou nas primarias a Soraya Sáenz de Santamaría, así como con Andrea Levy, que segue á fronte de Estudos e Programas, e coa galega Marta González, que ocupará a de Comunicación.

O Comité de Dirección complétano Ignacio Cosidó como portavoz no Senado e Esteban González Pons que se mantén como portavoz do Parlamento Europeo

Perfil
Teodoro García-Egea
(Cieza, Murcia, 1985), o muñidor da exitosa campaña de Casado, é enxeñeiro industrial e de telecomunicacións, e deputado do PP, ademais de secretario de Área de Tecnoloxía do PP murciano.

De 2007 a 2009 foi concelleiro do Partido Popular (PP) no Concello da súa localidade natal, onde tamén foi secretario xeral de Novas Xeracións, vicesecretario de Formación da Rexión de Murcia e na actualidade secretario de Área de Tecnoloxía desa rexión.

Candidato co número nove do PP pola circunscrición de Murcia nas eleccións xerais do 20 de novembro de 2011, non foi elixido deputado, pero o 19 de xaneiro de 2012 foi designado para ocupar un escano na Cámara Baixa en substitución de Jaime García-Legaz, nomeado secretario de Estado de Comercio no equipo do ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos.

Teodoro García Egea renovou a acta de deputado ao ser elixido nas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 ás que concorreu como cabeza de lista do PP pola Rexión de Murcia.

Comentarios