Detido por gravar espidas a sete mulleres, entre elas a súa muller e a súa filla

O home forzou un encontro sexual con outra muller tras ameazala con difundir as imaxes

A Policía Nacional detivo a un home sospeitoso de gravar con cámara oculta a sete mulleres espidas, entre elas a súa muller e a súa filla, e de forzar un encontro sexual con outra muller tras ameazala con difundir imaxes e circunstancias da súa vida persoal.

O home, segundo informou a Policía, foi posto a disposición da autoridade xudicial por sete delitos contra a intimidade, un delito de prostitución e corrupción de menores e outro de abuso sexual.

Con cámaras ocultas gravara sen o seu consentimento á súa muller mentres mantiñan relacións sexuais e á súa filla cando se aseaba no baño e tamén tiña imaxes doutras cinco mulleres mentres se cambiaban de roupa no que parece ser un centro de traballo.

A investigación iniciouse en febreiro do ano pasado cando unha muller denunciou ao seu marido na comisaría do distrito de Fuencarral-El Pardo (Madrid) porque atopara no seu computador un vídeo no que se lles vía a ambos manter relacións sexuais. Fora gravado con cámara oculta sen o seu consentimento.

Tras conseguir un mandamento de entrada e rexistro, os axentes incautaron cinco dispositivos de memoria que permitiron comprobar o momento no que o home colocara a cámara coa que filmou á súa muller e á súa filla no baño. 

Localizaron ademais outras gravacións nas que se vía como varias mulleres se cambiaban de roupa e imaxes catalogadas como pornografía infantil.

O home gardaba ademais selfis de índole sexual que fixo a súa filla e que obtivera do seu teléfono sen o seu consentimento.