Detido por insultar e ameazar a uns veciños por ser unha parella homosexual

Axentes de Policía, alertados polas vítimas, comprobaron como o arrestado lles berraba que os ía matar

Axentes da Policía Nacional durante un operativo. GALICIAÉ
photo_camera Axentes da Policía Nacional. EP

Un home de 42 anos foi detido en Dénia (Alicante) acusado de insultar e ameazar gravemente a uns veciños seus polo "único motivo, presuntamente", de ser unha parella homosexual, segundo un comunicado da Policía Nacional.

Os feitos "viñan repetíndose desde facía varios meses, pero foi na madrugada do pasado día 4 cando as vítimas chamaron á Policía Nacional porque a situación era insostible", relata a nota de prensa.

Os axentes acudíron ao edificio onde se entrevistaron co veciño, quen, "nun alto estado de nerviosismo, continuaba proferindo insultos e ameazas de morte contra a parella homosexual" desde a terraza da súa vivenda, polo que foi arrestado como presunto autor dun delito de odio.

As vítimas contaron á Policía que "sentían medo" do seu veciño, quen supostamente enfocaba todos os insultos e ameazas ao redor da orientación sexual da parella, segundo fontes policiais.

A Comisaría de Dénia puxo en marcha o protocolo de actuación ante este tipo de delitos, no que se deu unha protección inmediata ás vítimas e informóuselles dos seus dereitos e das medidas que poderían tomar cara o seu veciño. Iso motivou á parella a solicitar unha orde de protección nas dependencias da Policía Nacional.

Desde a Comisaría levouse a cabo unha rápida instrución das dilixencias e púxose ao arrestado a disposición da autoridade xudicial, que ditou unha orde de afastamento de 500 metros entre o veciño e as vítimas, segundo fontes policiais.

O comunicado recorda que a Dirección Xeral da Policía instaurou a figura do interlocutor social para facilitar o contacto e apoio policial aos colectivos máis vulnerables e con maior posibilidade de poder converterse en vítimas por razóns discriminatorias. 

Comentarios