Tres detidos en Alxeciras por planear agresións á Policía nun grupo de WhatsApp

Ao redor dun centenar de persoas participaban no chat

A Policía Nacional detivo en Alxeciras (Cádiz) os dous administradores dun grupo de WhatsApp no que se impartían consignas para agredir policías de forma concertada e deliberada. Tamén foi arrestada unha terceira persoa, participante do chat, que alertou dun falso roubo para arroxar obxectos aos axentes que se desprazaron ata o lugar. 

En rolda de prensa, o comisario principal da Policía Nacional, José García Molina, explicou que o rastrexo que os axentes realizan polas redes permitiu detectar a recente creación dun grupo de WhatsApp que mediante audios e mensaxes se organizaba para causar desordes públicas ou atrincheirarse nalgunha zona para atentar contra a Policía. O chat estaba formado por ao redor de cen persoas, a maioría delas situadas en Alxeciras.

Os tres arrestados foron postos a disposición xudicial, como presuntos autores de desordes públicas, atentado a axentes da autoridade e danos.