Dez anos de cárcere para un español que abusou dun neno en Alemaña

O home foi condenado por catorce "cargos de abusos sexuais graves, un de violación e outro de danos, á vez que gravaba pornografía infantil"

Vehículo policial aparcado en Baden-Württemberg. MARIJAN MURAT (EFE)
photo_camera Vehículo policial aparcado en Baden-Württemberg. MARIJAN MURAT (EFE)

A Audiencia Provincial de Friburgo (oeste de Alemaña) condenou este luns a dez anos de cárcere a un español de 33 anos por abusar sexualmente dun neno de 9 en repetidas ocasións, tras pagar á nai do menor e ao seu padrasto máis de 10.000 euros.

Javier González Díaz, que recoñeceu os feitos e solicitou terapia no primeiro día do xuízo, foi condenado por catorce "cargos de abusos sexuais graves, un de violación e outro de danos, á vez que gravaba pornografía infantil", ademais da resarcir á súa vítima cunha indemnización de 18,000 euros, explicou o xuíz Stefan Bürgelin.

Segundo a fiscalía, que pedira doce anos de cárcere, o agora condenado viaxou en varias ocasións de Barcelona a Friburgo en avión e en coche de aluguer para abusar do menor entre setembro de 2016 e agosto de 2017.

Este barcelonés é a sétima persoa xulgada por estes feitos, que se fixeron públicos o pasado xaneiro cando a nai do menor e o seu compañeiro foron detidos, e a quinta en ser condenada.

Os dous procesados pendentes de sentenza son a nai do menor e o padrasto, aínda que se espera que a Audiencia Provincial de Friburgo falle o martes sobre os seus casos, que constitúen a peza principal.

Desde xuño xúlgase á nai, de 48 anos, e o seu compañeiro, de 39, por ofrecer a través de internet ao fillo dela entre 2015 e 2017 e cobrar por que varios homes abusasen, maltratasen, ferisen, humillasen, insultasen e gravasen en vídeo ao menor.

Ambos están acusados de violación, asalto sexual grave de menores, prostitución forzada e distribución de pornografía infantil.

Segundo a Oficina de Investigación Criminal (LKA) de Baden-Württemberg, trátase do "caso máis grave de abusos sexuais que abordaron os investigadores ata a data" neste estado federado.

Outros catro homes foron xa condenados por abusos sexuais ao menor, a penas de entre oito e dez anos de cárcere.