Dimite o director dos Mossos na véspera do aniversario do 1-O

Andreu Martínez será substituído polo ata agora xefe de gabinete do conseller de Interior ► A súa saída coincide co inicio dun ciclo de protestas e segue a outros cambios en Interior
Andreu Martínez. EFE
photo_camera Andreu Martínez. EFE

O director dos Mossos d'Esquadra, Andreu Martínez, dimitiu do cargo que ocupaba desde hai ano e medio, en vésperas do segundo aniversario do referendo do 1 de outubro e ante un outono que se prevé tenso polas mobilizacións ante unha eventual condena no xuízo do procés.

Segundo fontes do Departamento de Interior, Martínez, cuxa substitución se fará oficial este martes, será substituído por Pere Ferrer, ata agora xefe de gabinete do conseller de Interior, Miquel Buch. Fontes do departamento apuntan que Martínez, que accedeu ao cargo cando Buch foi nomeado conseller, decidiu deixalo ao considerar que xa alcanzara os retos que se propuxera como responsable político dos Mossos d'Esquadra.

O seu sucesor acumula cinco anos na consellería de Interior, ultimamente como xefe de gabinete de Buch, aínda que tamén o foi dos anteriores consellers Joaquim Forn —en prisión preventiva polo caso procés— e Jordi Jané. Pere Ferrer asumirá este martes a dirección da policía catalá nunha xornada que se prevé complicada nas rúas polas mobilizacións con motivo do segundo aniversario do 1-O, o que levou aos Mossos d'Esquadra a reforzar os seus dispositivos para facer fronte a posibles incidentes. 

Ademais, coincide co inicio dun ciclo de protestas que poderían recrudecerse nas próximas semanas, para cando se espera que o Tribunal Supremo faga pública a sentenza contra os líderes independentistas polo procés, o que situará de novo no punto de mira aos Mossos d'Esquadra.

A saída de Andreu Martínez súmase á substitución doutros responsables clave de Interior desde que Buch é conseller

De feito, a Policía catalá viuse envolta na confrontación política a semana pasada, cando Buch aprazou a Comisión Mixta de Seguridade entre o Goberno e a Generalitat, no medio da polémica pola detención e encarceramento de sete membros dos CDR e a resolución do Parlament esixindo a retirada da Garda Civil de Cataluña.

A saída de Andreu Martínez súmase á substitución doutros responsables clave de Interior desde que Buch é conseller: o pasado mes de xuño, para sorpresa do corpo, nomeouse comisario xefe dos Mossos a Eduard Sallent cando o seu predecesor Miquel Esquius non levaba nin un ano á fronte.

A semana pasada, Buch destituíu a súa responsable de Comunicación, Joana Vallès, tras publicarse nos medios que os Mossos planeaban usar gas pementa para atallar incidentes nas mobilizacións deste outono, e nomeou no seu lugar a Joan Piquei, excolaborador do expresidente catalán Carles Puigdemont. 

Nunha mensaxe publicada na súa conta de Twitter, Buch agradeceu a Martínez o seu "bo traballo" á fronte dos Mossos, "cun balance importante, desde as novas prazas ata a entrada no CITCO" (Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado). "Moita sorte a Pere Ferrer, que é do equipo e ten a experiencia, o criterio e as ganas para liderar esta nova etapa", engade o conseller no seu tuit. 

Comentarios