Enfermeiros e médicos querélanse contra Sánchez e Illa polo material sanitario

O ministro de Sanidade admite que se pagou un prezo elevado polas máscaras porque "o mercado estaba como estaba"
Salvador Illa. EFE
photo_camera Salvador Illa. EFE


O Consello Xeral de Enfermería de España presentou unha querela ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e contra o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e varios cargos do seu departamento, por un delito contra a seguridade dos traballadores. 

A orixe desta actuación xudicial radica nun acordo adoptado hai semanas pola Comisión Executiva do Consello Xeral de Enfermería, por unanimidade, ante a falta de suficiente material de seguridade para protexerse na asistencia dos pacientes con Covid-19 e a onda de contagios entre profesionais sanitarios e o posterior falecemento de varios deles. 

Así, dita Comisión encargou aos servizos xurídicos do Consello a posta en marcha das accións penais para esixir as responsabilidades que procedesen ás autoridades sanitarias que están a intervir na xestión da pandemia. A tal fin, os expertos do Consello Xeral de Enfermería levaron a cabo un extenso traballo de investigación e de recompilación de información sobre os medios e materiais de protección das enfermeiras e enfermeiros fronte ao Covid-19. O resultado final levou ao Consello Xeral de Enfermería á decisión de actuar xudicialmente pola vía penal. 

Tamén este xoves transcendeu que a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) vai interpor unha querela criminal no Tribunal Supremo contra o ministro de Sanidade por presunta "actuación neglixente" ao distribuír máscaras defectuosas ao persoal sanitario. 

CESM explicou nun comunicado que esta actuación puxo "en grave risco a saúde e integridade do persoal sanitario", polo que interporá unha querela criminal "pola presunta comisión de delito contra os dereitos dos traballadores" contra o titular de Sanidade "e os demais corresponsables". 

Os sindicatos médicos refírense á distribución dunha partida de máscaras FPP2 defectuosas da marca Garry Galaxy a distintos servizos de saúde. 

CESM denunciou que o número de sanitarios afectados por coronavirus e a evolución da pandemia en España debería facer ao Goberno "reformularse a práctica totalidade da xestión que están a realizar ao efecto". 

Illa: "Pagamos moito polo material porque o mercado estaba como estaba"
Precisamente en relación coas máscaras defectuosas, o ministro de Sanidade recoñeceu este xoves  recoñeceu que o Goberno comprobou material sanitario, por exemplo máscaras, a un prezo elevado porque "o mercado estaba como estaba" e porque se quixo adquirir produtos "canto antes".

Durante a súa quinta comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados para explicar as medidas que o Executivo presidido por Pedro Sánchez puxo en marcha para loitar contra o novo coronavirus, Illa avisou de que algunhas comunidades autónomas, doutra cor política, coincidiron co Goberno nos provedores aos que adquiriron os produtos sanitarios e que, nalgúns casos, resultaron defectuosos. 

Neste sentido, o ministro de Sanidade comentou que se produciron cinco alertas doutros países que adquiriran máscaras FFP2 defectuosas, polo que "non só pasou en España". E é que, a semana pasada o Ministerio de Sanidade comunicou ás comunidades autónomas a retirada inmediata das máscaras FFP2 do fabricante Garry Galaxy, logo de observarse que unha partida contida en envases verdes de que non cumpre coa norma Une.

"Nós a testamos, avaliamos e démolo a coñecer ás comunidades autónomas. Todo o mundo está a comprar moitas máscaras e isto non só pasou en España", aseverou Illa, para recordar que estes produtos débense utilizar cando non se pode garantir a distancia interpersoal, o lavado de mans e a hixiene. 

Comentarios