ERC segue no "non" a Sánchez ao entender que mantén a "vía represiva" en Cataluña

A primeira toma de contacto entre Rufián e Lastra tivo lugar no Congreso e durou unha hora
 
Gabriel Rufián. EFE
photo_camera Gabriel Rufián. EFE

ERC segue no "non" á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno porque, durante a reunión deste martes entre a portavoz socialista, Adriana Lastra, e o republicano, Gabriel Rufián, non observou "indicio algún" de que o PSOE "vaia abandonar a vía represiva" para Cataluña. Así consta no comunicado de prensa que a formación independentista enviou aos medios unha vez terminada a reunión de menos dunha hora entre Lastra e Rufián, que tivo lugar no Congreso dos Deputados.

Tras esta primeira toma de contacto, ERC constata que sen estas garantías "non poderá haber en ningún caso un replanteamiento da postura do grupo republicano no Congreso".  No entanto, ambas as partes coinciden na necesidade de seguir mantendo contactos e desde ERC "espérase que esta primeira reunión sexa a antesala doutras que deberán acabar sucedendo".

No comunicado, ERC insiste en que a súa aposta é "a resolución política do conflito a través dunha mesa de negociación. E avanzar en materias sociais urxentes bloqueadas no Congreso e no Parlament de Cataluña". A reunión celebrouse, segundo ERC, nun clima de absoluta "cordialidade".

ERC espera que "esta primeira reunión sexa a antesala doutras que deberán acabar sucedendo"

O encontro enmárcase na rolda de contactos iniciada polo PSOE co resto de grupos parlamentarios tras o acordo con Unidas Podemos para un goberno de coalición e de cara a conseguir apoios á investidura de Pedro Sánchez.

O vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonès, de ERC, xa anunciara como requisitos para a abstención na investidura a convocatoria dunha mesa de negociación política "entre iguais" para abordar o conflito catalán, onde se poida discutir de todo, tamén do dereito de autodeterminación.

Coa reunión de ERC este xoves, o PSOE retomou os contactos iniciados con PNV e Más País-Compromís e que este xoves pola tarde continúan con Teruel Existe, que entrou no Congreso cun escano. 

Comentarios