España abrirá as fronteiras con Europa o 21 de xuño, salvo con Portugal

A apertura con Portugal será o 1 de xullo cun acto ao que asistirán o presidente do Executivo, o rei e o primeiro ministro portugués
Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez, nunha comparecencia na Moncloa. EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo aos presidentes autonómicos que se adianta ao 21 de xuño a apertura de fronteiras cos países do espazo Schengen, salvo con Portugal, que pediu que sexa o 1 de xullo. Desde o 21 de xuño desaparecerá así a obrigación de corentena para os viaxeiros dos países do espazo Schengen, que son case todos os da UE —coa excepción de Irlanda, Romanía, Bulgaria e Croacia— e Suíza, Noruega e Islandia.

Na rolda de prensa tras a décima cuarta videoconferencia telemática cos presidentes autonómicos, Sánchez explicou que se abrirán escalonadamente as fronteiras con terceiros países "seguros" incluídos nunha lista acordada a nivel europeo. Haberá tres requisitos: a súa situación epidemiolóxica ten que ser análoga ou mellor que a da UE; deberanse cumprir certas condicións sanitarias en orixe, traxecto e destino; e terá que haber reciprocidade. É dicir, eses países deberán aceptar tamén pasaxeiros procedentes da Unión Europea. "Queremos que turismo e seguridade sanitaria vaian da man. Turismo, si; intercambio, si; apertura, si. Seguridade e saúde, tamén", subliñou.

Nun principio o Goberno apostara por manter as fronteiras pechadas ata o 1 de xullo —opción que elixiu Portugal—, pero a Comisión Europea recomendou abrir as do espazo Schengen este luns 15 de xuño e varios países xa levantaron parcialmente os seus controis fronteirizos internos.

O primeiro experimento de apertura ao estranxeiro comeza este luns en Baleares, cun proxecto "piloto" que implicará a chegada ao arquipélago nos próximas dúas semanas de 10.900 turistas alemáns. Esta experiencia permitirá verificar as medidas de seguridade que se aplicarán nesta tempada turística e aprender para os próximos meses, apuntou Sánchez, que presentou a apertura das fronteiras como un momento "crítico".

"Queremos que o noso país, que xa é recoñecido como destino turístico de calidade, aí están as cifras, sexa recoñecido ademais como destino turístico de seguridade. De seguridade nas rúas e de seguridade sanitaria", recalcou.

O anuncio da apertura adiantada de fronteiras foi ben recibido polas principais rexións turísticas, pero suscita tamén preocupación, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, pediu ao Goberno un plan específico para o aeroporto de Barallas, para que non se converta nunha porta de entrada ao coronavirus.

Sánchez avanzou que falarán sobre el o ministerio e a Consellería de Sanidade madrileña, e comprometeuse a reforzar os servizos de sanidade exterior, moi "debilitada" nos últimos anos.

Comentarios