O Goberno e as comunidades autónomas descartaron por agora aplicar o confinamento domiciliario e déronse entre dúas e tres semanas de marxe para comprobar a eficacia das distintas medidas adoptadas xa para frear a segunda onda do coronavirus antes de tomar outras novas.
Así o anunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, ao termo da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que especificou que ese prazo de tempo empeza a contar desde o día en que unha comunidade implementa unha ou un paquete de medidas.
Galicia pecha a hostalería e as actividades non esenciais en 60 concellos desde este venres
Para o ministro, aínda non é momento de recorrer ao confinamento domiciliario porque as distintas rexións teñen marxe aínda para seguir executando as súas accións para frear a propagación do virus. "Hai que ser rigoroso e darnos o tempo suficiente", subliñou.
Nunha rolda de prensa xunto á ministra Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, e tras a reunión do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Illa informou de que non se produciron "novidades relevantes" sobre a vacina de AstraZeneca, pero insistiu en que se administrará unha vez demostre que é "eficaz" e non xera "ningún tipo de contraindicación".
"Creo que a finais deste ano ou principios do que vén poderemos dispor dunha vacina segura e eficaz, dito sexa con toda a precaución, se as análises clínicas dan resultados satisfactorios", dixo o ministro de Sanidade.
Dito isto, Illa destacou o "impresionante esforzo" que está a realizar tanto a ciencia como a industria para desenvolver unha vacina eficaz contra o coronavirus. "Están a traballar no marco dunha regulación moi estrita que garante que calquera vacina que se vaia a administrar vai ser segura e eficaz", aseverou.