España dáse dúas semanas de marxe antes de recorrer ao confinamento domiciliario

"Hai que ser rigoroso e darnos o tempo suficiente", subliñou o ministro de Sanidade
Salvador Illa. R. RUBIO
photo_camera Salvador Illa. R. LOURO

O Goberno e as comunidades autónomas descartaron por agora aplicar o confinamento domiciliario e déronse entre dúas e tres semanas de marxe para comprobar a eficacia das distintas medidas adoptadas xa para frear a segunda onda do coronavirus antes de tomar outras novas.

Así o anunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, ao termo da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que especificou que ese prazo de tempo empeza a contar desde o día en que unha comunidade implementa unha ou un paquete de medidas.

Galicia pecha a hostalería e as actividades non esenciais en 60 concellos desde este venres

Para o ministro, aínda non é momento de recorrer ao confinamento domiciliario porque as distintas rexións teñen marxe aínda para seguir executando as súas accións para frear a propagación do virus. "Hai que ser rigoroso e darnos o tempo suficiente", subliñou. 

Illa confía en que haxa vacina "eficaz" antes de final de ano
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, mostrou a súa confianza en que a finais de 2020 ou principios de 2021 haxa unha vacina "segura e eficaz" contra o Covid-19, a enfermidade que provoca o novo coronavirus. 

Nunha rolda de prensa xunto á ministra Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, e tras a reunión do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Illa informou de que non se produciron "novidades relevantes" sobre a vacina de AstraZeneca, pero insistiu en que se administrará unha vez demostre que é "eficaz" e non xera "ningún tipo de contraindicación". 

"Creo que a finais deste ano ou principios do que vén poderemos dispor dunha vacina segura e eficaz, dito sexa con toda a precaución, se as análises clínicas dan resultados satisfactorios", dixo o ministro de Sanidade. 

Dito isto, Illa destacou o "impresionante esforzo" que está a realizar tanto a ciencia como a industria para desenvolver unha vacina eficaz contra o coronavirus. "Están a traballar no marco dunha regulación moi estrita que garante que calquera vacina que se vaia a administrar vai ser segura e eficaz", aseverou. 

Comentarios