Sánchez recoñece a Guaidó como "presidente encargado" de Venezuela

O presidente do Goberno alíñase con outros países como Francia, Suecia ou Reino Unido

Pedro Sánchez. MARISCAL
photo_camera Pedro Sánchez. MARISCAL

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este luns que o Goberno de España recoñece oficialmente ao presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó, como "presidente encargado" do país, co obxectivo de que convoque eleccións presidenciais "no menor prazo de tempo posible".

Así o afirmou nunha breve declaración no Palacio da Moncloa na que, ademais, avanzou que o Goberno ten intención de promover na ONU e na UE un "plan de axuda humanitaria para paliar urxentemente a grave situación que se vive en Venezuela", porque "quen está a sufrir as consecuencias do conflito e do réxime de Maduro é o pobo de Venezuela". España sitúase así na mesma liña que outros países como Francia, Suecia ou Reino Unido, que tamén recoñeceron este luns a Guaidó, ou con Estados Unidos.

"España non vai dar un paso atrás neste empeño e vai estar á altura do que se espera dela neste conflito"

Sánchez non respondeu a preguntas da prensa e, deste xeito, non precisou que efectos concretos ten este recoñecemento, que se acordou con varios países europeos e iberoamericanos. Iso si, sinalou que nas próximas horas falará coas institucións europeas e cos gobernos europeos e latinoamericanos "que queiran sumar esforzos á causa da democracia en Venezuela" para "desenvolver" esta posición. 

"España non vai dar un paso atrás neste empeño e vai estar á altura do que se esperas dela neste conflito", dixo nunha declaración que durou pouco máis de seis minutos. 

O xefe do Executivo empezou por sinalar que se cumpriron os oito días que o Goberno español e os doutros países europeos (singularmente Francia, Alemaña e Reino Unido) deron "ao réxime de Nicolás Maduro" para que convocase eleccións presidenciais libres, democráticas e transparentes. O prazo cumpriuse, dixo, sen que Maduro dea paso algún nesta dirección".

"É o pobo de Venezuela quen ten que decidir o seu futuro"

Ademais, puntualizou que a "lexitimidade democrática" de Juan Guaidó emana da súa condición de presidente da Asemblea Nacional, xurdida das últimas eleccións libres e democráticas recoñecidas como talles pola comunidade internacional.

UN RECOÑECEMENTO CONSENSUADO. Sánchez enmarcou a súa decisión de recoñecer a Guaidó na "defensa do multilateralismo como ferramenta indispensable para a solución pacífica de conflitos", argumentando que España traballou "en coordinación coa maioría de países europeos" para que o recoñecemento sexa acordado. Ademais, asegurou que a posición común foi "a iniciativa do Goberno de España con distintos países europeos". 

Doutra banda, recalcou que o Executivo mantivo tamén unha "comunicación diplomática constante cos países iberoamericanos" e que está disposto a seguir traballando con outros actores internacionais, especialmente co Grupo de Lima. 

"Damos absoluta prioridade á colonia española e tamén aos lóxicos intereses das empresas españolas"

Neste grupo están Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Costa Rica, Guatemala, Güiana, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú e Santa Lucía, aínda que México distanciouse na cuestión de Venezuela e non asinou a declaración na que se nega lexitimidade ao mandato de Maduro que comezou o 10 de xaneiro. 

En todo caso, Sánchez incidiu en que o recoñecemento de Juan Guaidó ten "un horizonte claro", que é convocar o antes posibles eleccións "libres, democráticas, con garantías e sen exclusións", nas que os venezolanos decidan o seu futuro "sen medo, sen presións e sen ameazas". 

"É o pobo de Venezuela quen ten que decidir o seu futuro", remarcou, e a comunidade internacional ten que respectar os resultados do proceso, ademais de verificar que se desenvolve coas garantías necesarias. Con ese fin xustificou o 'grupo de contacto' creado pola UE a instancias do Goberno de España.

A COLONIA ESPAÑOLA, PRIORIDADE. Por outra banda, afirmou que terá presente a situación da colonia española, que é a súa "absoluta prioridade", e tamén os "lóxicos intereses das empresas españolas" no país, e que todos comparten o "desexo dun marco político de liberdade, democracia e estabilidade". 

Sánchez fixo fincapé no "profundo" dos vínculos de España con Iberoamérica e en que o seu Goberno traballará para que Venezuela teña "a democracia plena", é dicir, primacía dos dereitos humanos, pluralismo político, que non haxa presos políticos e que se celebren eleccións libres e transparentes, con todas as garantías. 

Recordando que ese é "un camiño que España coñece pola súa propia experiencia histórica", expresou a súa "determinación de avanzar con decisión co pobo venezolano", cun país "irmán e querido". "Pode contar con España nesta hora crucial, estamos e sempre estaremos ao seu lado", finalizou. 

Felipe González e o PP, a favor da postura de España
O expresidente do Goberno Felipe González sinalou este luns que se o Goberno recoñece a Juan Guaidó como presidente interino de Venezuela sería "dar un paso máis", e sinala que isto terá repercusión diplomática. 

González aplaude esta posición e chama a aumentar a presión internacional contra Nicolás Maduro aínda que considera que hai que evitar "inxerencias" como a do presidente estadounidense, Donald Trump, que admitiu que a intervención militar "é unha opción". 

Pola súa banda, o secretario de Relacións Internacionais do Partido Popular, José Ramón García Hernández, sinalou este luns que Sánchez "chega tarde" para recoñecer ao presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó. "Xa era hora, por fin Pedro Sánchez se vai situar onde está a maioría dos españois", asegurou. 

Comentarios