Dous españois, entre os 157 mortos nun accidente de avión en Etiopía

O voo desapareceu do radar aos seis minutos de despegar da capital etíope por causas aínda baixo investigación

Avión que realiza viajes en Etiopía. EFE
photo_camera Avión que realiza viaxes en Etiopía. EFE

Dous españois faleceron no sinistro este domingo do voo ET302 de Ethiopian Airlines preto da capital de Etiopía, Adis Abeba, no que morreron os 157 ocupantes do aparello, segundo confirmou a propia aerolínea. 

"Na lista de pasaxeiros do voo sinistrado figuran dúas persoas que viaxaban con pasaporte español", reza o comunicado da compañía, recollido por Europa Press. 

O voo desapareceu do radar aos seis minutos de despegar da capital etíope por causas aínda baixo investigación. 

Segundo un comunicado da compañía, o avión saíu do aeroporto de Bole ás 08.38 da mañá. A torre de control perdeu o contacto co aparello seis minutos despois, ás 08.44. Os restos do avión atópanse preto da poboación de Bishoftu, a uns 50 quilómetros ao suroeste da capital etíope. 

Entre os falecidos hai confirmados 32 kenyanos, 18 canadenses, nove etíopes, oito italianos, oito cidadáns chineses, oito estadounidenses, sete británicos, sete cidadáns franceses, seis exipcios, cinco cidadáns holandeses, catro indios, catro eslovacos, tres austriacos, tres suecos, tres rusos, dous marroquís, os dous españois, dous polacos e dous israelís. 

Ademais había un cidadán a bordo de cada un destes países: Bélxica, Indonesia, Somalia, Noruega, Serbia, Togo, Mozambique, Ruanda, Sudán, Uganda e Iemen. A eles hai que sumar outros catro con pasaporte diplomático de Nacións Unidas cuxa nacionalidade aínda non se concretou. 
 

Comentarios