O fiscal só ve un erro administrativo no cambio de notas de Cifuentes

O ministerio público non ve delito na actuación de alumnos e profesores

Cristina Cifuentes. VICTOR LERENA (EFE)
photo_camera Cristina Cifuentes. VICTOR LERENA (EFE)

A Fiscalía Provincial de Madrid considera que o cambio de notas do expediente da expresidenta da Comunidade de Madrid Cristina Cifuentes no máster que cursou na Universidade Rey Juan Carlos (URJC) foi unha "irregularidade administrativa" carente de calquera reproche penal.

O Ministerio Público refírese así no escrito de impugnación ao recurso de reforma da URJC contra o arquivo parcial para 19 investigados polos delitos de prevaricación e suborno, que o pasado venres a maxistrada Carmen Rodríguez Medel desestimou co aval previo da Fiscalía, como así manifestou neste informe.

Tras non ver delito na actuación dos alumnos e profesores, o fiscal, nun escrito ao que tivo acceso Efe, pronúnciase brevemente sobre os feitos relacionados con Cifuentes, que segue investigada polo delito de falsidade documental.

En concreto, faio ao avalar o arquivo respecto da funcionaria Amalia Calonge, que modificou a nota dunha materia do máster de Cifuentes debido a un erro no seu expediente tras ser avisada polo profesor Pablo Chico de la Cámara.

O fiscal considera que, dado que o profesor comprobou o mérito académico de Cifuentes e ordenou en consecuencia a rectificación da nota, "unicamente podería imputárselle" á funcionaria "unha irregularidade no ámbito administrativo, ao levar a cabo unha modificación que xa non lle correspondía".

Pero, precisa, "non pode imputárselle ningunha das condutas previstas no noso Código Penal".

O fiscal considera tamén que non son os alumnos senón o Instituto de Dereito Público da URJC e o seu entón máximo responsable, Enrique Álvarez Conde, os que teñen que aclarar por que "aqueles alumnos que manifestaron non ter feito absolutamente nada se lles cualificou.

"Os alumnos non son os garantes da legalidade administrativa nin lles corresponde velar pola regularidade do procedemento para a obtención do máster", engade o Ministerio Público.

Agora ben, o fiscal cre que non existiu un concerto previo entre Conde e os profesores para aprobar a determinados alumnos a pesar da ausencia absoluta de actividade académica, unha actuación que ve, en todo caso, como un erro administrativo sen reproche penal. 

Comentarios