A Fiscalía recorrerá a posta en liberdade da Manada

Non paran de sucederse as reaccións á decisión da Audiencia de Navarra

Manifestación contra la puesta en libertad de La Manada. QUIQUE GARCÍA
photo_camera Manifestación contra la puesta en libertad de La Manada. QUIQUE GARCÍA

A Fiscalía recorrerá en súplica o auto da Audiencia Provincial de Navarra que permite a excarceración dos cinco condenados por abuso sexual a unha moza nos Sanfermíns de 2016 se depositan unha fianza de 6.000 euros cada un, segundo informaron fontes xurídicas. 

O recurso realízase en súplica ante o mesmo tribunal que ordenou as excarceracións e non ten efectos suspensivos, é dicir, que se os cinco mozos coñecidos como La Manada depositan a súa fianza sairán en liberdade, aínda que o recurso do Ministerio Público aínda non se resolveu. 

Tamén o alcalde de Pamplona, Joseba Asiron, anunciou que o Concello recorrerá a posta en liberdade provisional baixo fianza, unha decisión que non comparte e que lle provoca un "profundo desagrado".

Tras afirmar que se puxo en contacto cos servizos xurídicos do Consistorio, Asiron afirma que "o Concello quere estar preto da vítima".

REACCIÓNS. As reaccións sobre este tema non paran de producirse. Máis de medio millón de persoas asinaron en menos de 24 horas a petición aberta en Change.org para que os cinco membros de La Manada sigan en prisión preventiva mentres o Tribunal Supremo resolve o recurso pola súa condena a 9 anos de cárcere.

Tamén na carreira polo liderado do PP coouse o caso. Soraya Sáenz de Santamaría alertou que se está trasladando aos posibles agresores sexuais a mensaxe de que delinquir "sae barato", mentres que María Dolores de Cospedal considera "frustrante" o fallo e pide modificar o Código Penal. 

Desde Galicia, a Xunta, a través de Alfonso Rueda, manifestou que a decisión da Audiencia de Navarra de deixar en liberdade provisional con fianza de 6.000 euros aos cinco membros da Manada "resulta bastante difícil de compartir e de entender" aínda que recordou que as decisións xudiciais deben ser "acatadas".

E o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras cualificou de "inconcibible" a decisión da Audiencia de Navarra de deixar libre aos cinco membros da Manada, aos que denominou como "desalmados". "Como é concebible semellante cousa? Que soberbia é esa cando miles de cidadáns saen á rúa a protestar?", cuestionou Beiras.

Comentarios