Unha das fundadoras de Femen suicídase en París

A moza, de 31 anos, xa intentara acabar coa súa vida noutras dúas ocasións

Oxana Shachkó. SALVATORE DI NOLFI (EFE)
photo_camera Oxana Shachkó. SALVATORE DI NOLFI (EFE)

A activista ucraína Oxana Shachkó, unha das fundadoras de Femen, suicidouse en París, informou Anna Gutsol, outra das creadoras do movemento feminista, aos medios ucraínos.

Gutsol explicou que os amigos parisienses de Shachkó levaban tres días tratando de porse en contacto con ela, tras habela visto por última vez nunha festa, e na noite do luns, decidiron acudir ao seu piso, derrubar a porta e atopáronse o corpo da activista, de 31 anos.

"Segundo dixeron había unha nota. Pola noite a policía levou o corpo de Oxana. (...) a versión preliminar relata que se trata dun suicidio", dixo Gutsol en declaracións á canle da televisión ucraína 112 Ucrania.

O popular diario ruso, Moskovski Komsomolets, asegura que a activista xa intentara suicidarse en polo menos outras dúas ocasións nos últimos dous anos.

Shachkó naceu en 1987 na cidade de Jmelnitski, no oeste de Ucrania, e en 2008 creou Femen xunto as súas amigas Anna Gutsol e Alexandra Shevchenko.

O 4 de marzo de 2012, o día en que se celebraban as eleccións presidenciais en Rusia, foi detida nun colexio electoral de Moscova nunha acción contra o entón candidato á xefatura do Kremlin, Vladímir Putin. Pouco despois foi deportada a Ucraína e en 2013 emigrou a Francia, onde obtivo o status de refuxiada política.

Femen é movemento feminista de orixe ucraína, cuxas activistas mostran os seus peitos con afán de combater as actitudes machistas. A súa forma de protesta con puño no alto, semiespidas, e portando coroas de flores xunto a súa animadversión cara os antiabortistas e a Igrexa, son os seus acenos de identidade.