domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Dous galegos cóanse entre os ministrables de Podemos

Yolanda Díaz e Julio Rodríguez. EP
Yolanda Díaz e Julio Rodríguez. EP
Yolanda Díaz e Julio Rodríguez poden chegar a ser ministros se o PSOE acepta a oferta de Podemos

Unha vez que Pablo Iglesias renunciou a entrar nun hipotético goberno de coalición con Pedro Sánchez e tras as mensaxes do PSOE aceptando nese executivo a dirixentes políticos de Podemos, o debate céntrase agora en especular sobre quen poden ser os ministrables. De todos os nomes que se manexan, dous deles son galegos: Yolanda Díaz e Julio Rodríguez.

Iglesias apártase pero non quere máis vetos, que Unidas Podemos elixa a súa representación no gabinete e que esta sexa "proporcional aos votos", o que podería supor ao redor dun terzo dese futuro goberno. Fontes de Podemos falaron nas últimas datas das súas aspiracións a ocupar as carteiras de Facenda, Traballo, Medio Ambiente e algunha área social como Vivenda, así como unha dirección xeral de Memoria Histórica reforzada.

Para eses ou outros postos, ao longo dos case tres meses transcorridos desde as eleccións xerais varios nomes apareceron nos mentideiros políticos e incluso nas propias declaracións dos dirixentes de Podemos e PSOE. Primeiro falouse de independentes e de perfís técnicos, pero nos últimos días, tanto o PSOE como o Goberno, admitiron a posibilidade de que cheguen a ser ministros algúns dirixentes "recoñecidos" de Podemos. 

Irene Montero: O seu nome dáse por seguro, polo menos como proposta de Podemos, portavoz parlamentaria da formación e parella de Pablo Iglesias, falouse dela ata como vicepresidenta nalgunha área social. A súa inclusión no Goberno suporía, segundo algunhas fontes, a presenza de feito de Iglesias nese Executivo.

Rafael Mayoral: Secretario de Sociedade Civil de Podemos. Exasesor da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) podería ser, debido á súa especialidade, un candidato á carteira de Vivenda. Mayoral tamén era o encargado dos temas de Interior no Congreso e participou -como observador de Podemos- nas reunións do pacto antixihadista. No entanto, ninguén aposta por un ministro de Podemos á fronte dunha carteira como a de Interior.

Pablo Echenique: Anterior secretario xeral do partido e actual secretario de Acción de Goberno, Institucional e Programa. Participou nas negociacións dos Orzamentos cos socialistas. É doutor en Ciencias Físicas. ¿Ministro de Ciencia?

Yolanda Díaz: Portavoz de Galicia en Común, suporía a inclusión no Goberno dunha das confluencias de Podemos. Como Echenique, formou parte do equipo negociador da formación morada para os frustrados orzamentos. 

Victoria Rosell: O nome desta maxistrada xa estivo sobre a mesa como ministrable no simulacro de goberno PSOE-Podemos de 2015. Soou para ministra de Xustiza e agora fálase de novo dela, xa que cumpriría o requisito de solvencia técnica para entrar no gabinete.

Julio Rodríguez: O exJEMAD é unha das apostas máis insistentes de Pablo Iglesias, ata agora con escaso éxito. En 2015 non logrou escano por Zaragoza; en 2016 tampouco o logrou como número un da lista de Almería. Forma parte do Consello Cidadán estatal de Podemos e é responsable da área de traballo de Paz e Seguridade do partido. Ademais, é secretario xeral do Consello Cidadán de Madrid cidade.

Alberto Garzón: A entrada no Goberno do coordinador de Esquerda Unida cubriría a cota de EU e permitiría presentar a outro candidato a ministro cun perfil técnico pouco discutible. Non parece que os socialistas puidesen deixar o ministerio de Economía en mans do seu hipotético socio, pero hai máis ministerios económicos.

Jaume Assens: Tamén de cota podería ser a proposta do líder de En Comú Podem, pero, unha vez que Pedro Sánchez sinalou a posición de Podemos respecto de Cataluña como un dos escollos máis importantes para pactar, a presenza de Assens no Goberno perde moitas posibilidades. 

Juan López de Uralde: O nome do líder de Equo apareceu ao principio deste longo proceso como unha das posibles opcións para incluír ministros técnicos, próximos a Podemos pero non do partido, nun Goberno de Pedro Sánchez. Transición Ecolóxica podería ser o ministerio para o exdirector de Greenpeace. Son nove nomes, seis homes e tres mulleres, cuxas hipotéticas candidaturas apareceron nalgún momento deste proceso, aínda que as verdadeiras negociacións, se é que finalmente se levan a cabo, poden incluír a outros posibles ministros.

Dous galegos cóanse entre os ministrables de Podemos
Comentarios