O Goberno non pecha a porta a inhumar a Franco nun lugar privado da Almudena

O Executivo quere asegurarse de que o ditador non poida ser "enaltecido" nin homenaxeado de ningún xeito

Catedral de La Almudena. AEP
photo_camera Catedral da Almudena. AEP

O Goberno non pechou este venres a porta a que os restos do ditador Francisco Franco poidan ser inhumados nun "lugar privado" da cripta da parroquia da Almudena, sempre que se garanta que o ditador non poida ser "enaltecido" nin homenaxeado de ningún xeito.

Na rolda de prensa tras a reunión do Consello de Ministros, Calvo puntualizou que o que di a familia é que os restos irían, unha vez exhumados do Valle de los Caídos, ao lugar que posúe na cripta da "parroquia da Santa María de Almudena, non á catedral".

Calvo insistiu en que o Goberno utilizará todos os medios dispoñibles, entre eles unha emenda na Lei da Memoria Histórica que se reforma no Congreso, para dar cobertura á exhumación, co obxectivo de que os restos de Franco vaian "a un lugar privado, decoroso sen ningún tipo de enaltecemento nin posibilidade de facelo".

Aínda que foi preguntada en varias ocasións se isto supón permitir a súa inhumación na cripta da parroquia da Almudena, Calvo limitouse a constatar que hai que ir "paso a paso" e lamentou que a familia estea a utilizar todos os medios para "obstruír" o obxectivo do Goberno. "Non podo entrar no terreo da especulación, imos exhumar a Franco e ver a posición última que ten a súa familia", dixo Calvo, quen advertiu de que esta, en todo caso, non vai impor o seu criterio en contra do que determinaron as Nacións Unidas, os expertos, e o Congreso.

Tamén criticou que os familiares do ditador non entenda cal é a súa responsabilidade neste proceso para "enterrar en paz e xustiza o capítulo máis negro da historia española".

A vicepresidenta destacou que na reunión que mantivo esta semana co secretario de Estado da Santa Sé, Pietro Parolin, atopouse cunha "resposta clara e meridiana" de que a Igrexa "non se oporá á exhumación". Polo que respecta á posterior inhumación, explicou que lle trasladou a "preocupación" do Executivo porque o proceso se desenvolva no marco privado e a familia reciba os restos no ámbito dos seus "dereitos individuais".

O Goberno dará a próxima semana, na reunión do Consello de Ministros, o "último paso administrativo" para avanzar na exhumación de Franco, logo de rexeitar este venres unha recusación e un recurso, presentado polos irmáns benedictinos, en contra deste proceso. O seguinte paso será tramitar os correspondentes permisos no ámbito municipal e autonómico.

O proceso para exhumar ao ditador avanza "con absoluta normalidade", segundo Calvo, polo que deu por feito que "os restos de Franco saen do Valle de los Caídos". Pola súa banda, o arcebispo de Madrid, Carlos Osoro, informou na reunión do Consello Episcopal -a súa reunión semanal cos vigairos- da postura da diócese sobre a inhumación dos restos de Franco, que "corresponde á familia e ao Goberno", explicou.

Fontes do Arcebispado de Madrid subliñaron a Efe que este asunto non "monopolizou" a reunión do Consello Episcopal, que levaba case todo o mes sen celebrarse, porque Osoro estivera en Roma participando do Sínodo dos Mozos, no que se trataron distintas cuestións como a reforma da curia ou nomeamentos.

Comentarios