O Goberno sopesa implantar un pago "simbólico" nas autovías

Estaría destinado a financiar o mantemento e conservación de vías de alta capacidade
Letrero de Lugo en la Autovía de Santiago (A-54). AEP
photo_camera Letreiro de Lugo na Autovía de Santiago (A-54). AEP

Os ministros de Fomento e de Facenda en funcións, José Luís Ábalos e María Jesús Montero, puxeron sobre a mesa o debate sobre como financiar o mantemento e a conservación das vías de alta capacidade, aínda que deixaron claro que o proceso aínda non se iniciou. 

As declaracións dos dous ministros producíronse tras publicar este martes El País que o Goberno baralla a introdución dun posible pago "simbólico" polo uso das autovías para asegurar a súa viabilidade. Tamén contribuiría a pagar as peaxes das autoestradas. En Galicia esto traduciríase, pro exemplo, en pagar unha pequena cantidade por viaxar pola A-6 ou a A-54 e abaratar algo na peaxe da AP-9.

As construtoras cualificaron esta posible medida de beneficiosa para a economía e a sociedade, mentres que os transportistas e os consumidores mostraron o seu rexeitamento.

Ábalos explicou, durante unha entrevista con Telecinco, que a posibilidade de impor un pago "simbólico" nas autovías agora gratuítas é unha cuestión a debater e sobre a que reflexionar, pero que o proceso nin sequera iniciouse.

O titular de Fomento recordou que na pasada lexislatura xa se expuxo a creación dunha subcomisión de estudo sobre o financiamento da rede viaria de alta capacidade, que ten un custo de 1.100 millóns de euros para o erario público, pero que esta non chegou a constituírse. 

Desde Sevilla, Montero precisou que non hai ningunha proposta concreta aínda, pero que se analizan fórmulas que "permitan unha maior e mellor conservación das estradas".

A patronal de grandes construtoras e concesionarias, Seopan, cualificou esta eventual medida de "beneficiosa" tanto para a economía española como para o conxunto da sociedade.

En declaracións á Cadena Ser, o presidente da patronal, Julián Núñez, sinalou que esta medida tiña que implementarse en España "moito antes", xa que practicamente en toda Europa se paga polo uso das vías de alta capacidade. 

Pola contra, a Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer) mostrou o seu rexeitamento ante a posibilidade de impor un pago "simbólico" porque consideran que o sector do transporte por estrada xa contribúe "suficientemente" ao mantemento das infraestruturas a través do imposto de hidrocarburos. 

Ademais, Fenadismer afirmou que o establecemento dunha taxa polo uso das autovías aumentaría os custos de explotación da actividade do transporte, o que afectaría o valor final dos produtos, que perderían competitividade nos mercados europeos. 

Facua, en contra
A asociación de consumidores Facua tamén se mostrou contraria a esta eventual medida porque cre que o mantemento das estradas estatais debe financiarse a través dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE).

Ademais, considera que pagar polo uso das autovías prexudicaría aos usuarios con menor poder adquisitivo. Segundo El País, o Goberno segue perfilando un modelo para asegurar a viabilidade da rede de autovías do Estado e baralla o pago por uso destas infraestruturas, aínda que o custo para os usuarios sería "simbólico".

O diario indicou que esta cantidade sería ao redor dunha décima parte do que actualmente se paga de media nas autoestradas e a súa recadación destinaríase a reducir a peaxe das autoestradas privadas.

Comentarios