Hospitalizado por un ataque ao corazón Larry Kudlow, asesor económico de Trump

Larry Kudlow. EFE
photo_camera Larry Kudlow. EFE

O principal asesor económico da Casa Branca, Larry Kudlow, foi hospitalizado este martes tras sufrir un ataque ao corazón, informou desde Singapura o presidente de EEUU, Donald Trump. "O noso gran Larry Kudlow, que estivo traballando tan duro en comercio e en economía, acaba de sufrir un ataque ao corazón", dixo Trump en Twitter.

Kudlow, de 70 anos, foi ingresado no centro médico militar nacional Walter Reed, un hospital nos arredores de Washington ao que tradicionalmente acudiron os presidentes.

Tras a mensaxe de Trump, a portavoz da Casa Branca, Sarah Sanders, explicou que o infarto padecido polo asesor foi "leve", que se atopa en bo "estado" e que os seus médicos auguran unha "rápida e total recuperación".

Trump nomeou a Kudlow en marzo como novo director do Consello Económico Nacional da Casa Branca en substitución de Gary Cohn, quen renunciou en desacordo pola estratexia comercial de imposición de aranceis.

Kudlow asumiu o cargo nun momento de fortes tensións comerciais con China, pero tamén con tradicionais aliados como Canadá, México e os países da Unión Europea.

Este domingo, tras a conclusión do Cume do G7 en Canadá, Kudlow acusou ao primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, de apuñalar "por detrás" a Trump. "O presidente Donald Trump non vai permitir que un primeiro ministro canadense o mangonee", dixo Kudlow nunha entrevista coa CNN.

Comentarios