Ibrahimovic súmase ás iniciativas para recadar fondos para combater o coronavirus

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera O dianteiro sueco Zlatan Ibrahimovic. ARQUIVO

O futbolista sueco Zlatan Ibrahimovic, dianteiro do Milan, sumouse ás iniciativas benéficas promovidas polo mundo do fútbol italiano para combater o coronavirus, cunha recadación de fondos destinados a unhas clínicas das rexións de Lombardía e Piamonte.

¡Deamos unha patada ao coronavirus!, é o slogan da iniciativa promovida por Ibrahimovic a través da plataforma Gofundme, que en poucas horas xa recadou máis de 110.000 euros para axudar un país no que xa se rexistraron máis de 2.500 mortos pola enfermidade e máis de 30.000 contaxiados.

"Neste momento de extremada urxencia que Italia está a vivir decidimos organizar unha recadación de fondos que serán entregados a Humanitas para contribuír a reforzar o departamento de coidados intensivos dos hospitais de Rozzano/Milán, Bérgamo, Castellanza e Turín", lese na páxina oficial da iniciativa de Ibrahimovic.

O veterano dianteiro sueco, que regresou a Italia en xaneiro procedente de Los Ángeles Galaxy estadounidense, sumouse a moitos futbolistas e clubs nas doazóns benéficas, como Juventus, Milan, Inter de Milán, Nápoles ou Roma, que deron a súa achega.

Ademais, o presidente da Juventus, Andrea Agnelli, realizou xunto á súa familia, propietaria de sociedades como Fiat Chrysler Automobiles, Ferrari ou CNH Industrial, unha doazón de 10 millóns de euros, ademais de dispositivos sanitarios, á Protección Civil italiana. 

Comentarios