Duque: "A idea non é ser celebrity, pero se con iso fas un ben ao país, non teño ningún problema"

O ministro insta as empresas a investir en I+D+i e avoga por mellorar o sistema de bolsas universitarias, que non é "o bastante social" 

Pedro Duque. MIGUEL ÁNGEL MOLINA (EFE)
photo_camera Pedro Duque. MIGUEL ÁNGEL MOLINA (EFE)

O ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, di que se dá por aludido "un pouco" cando se fala de Goberno "de pasarela", pero incide en que ten a idea de traballar "forte e de traballar por un goberno no que os investimentos a longo prazo, a investigación e a universidade teñan un papel máis relevante que en anos pasados". 

"Teño experiencia de xestión, coñecemento somero da ciencia, a tecnoloxía e as industrias e as universidades, e eu creo que coa axuda da xente, a idea é non ser en absoluto unha celebrity; pero se se pode utilizar o de celebrity para que te reciba xente, e con iso fas un ben ao país, non teño ningún problema en ser celebrity", sinalou nunha entrevista en RNE. 

Con pouco máis dunha semana no cargo, o enxeñeiro e astronauta recoñeceu que "hai moita xente" que perde diñeiro ao aceptar un cargo como o de ministro, pero quitou importancia ao seu salario. "Non hai que mirar iso, porque está a vocación de servir ou tratar de axudar", dixo, para afirmar que as persoas que, como el, traballaron en organizacións internacionais, "perderon bastante" ao chegar a un cargo público. 

Duque avoga por "traballar forte por un goberno no que os investimentos a longo prazo, a investigación e a universidade teñan un papel máis relevante"

Aínda que admite que non ten "queixa persoal", tamén comentou que este asunto é "un debate" que se tería que mirar en España. "Todos temos a idea de que é mellor canto menos cobren os que leven os asuntos de todos, e logo dicimos que os asuntos de todos terían que levalos os mellores, non está verdadeiramente resolto", engadiu.

FOMENTAR A CIENCIA EN EMPRESAS. Durante a entrevista, falou sobre as prioridades do seu departamento. Entre elas, mencionou o retorno de investigadores. Para el, "o primeiro" é ter máis recursos e así poder chegar aos obxectivos de investimento, que é do dobre do actual orzamento, e máis programas que supoñan aumentar os postos de traballo para científicos. "Hai moitos outros retos, temos que pechar moi ben este círculo virtuoso de universidade, máis ciencia, máis empresa, máis retorno a longo prazo, de forma que o sistema científico ten que estar máis unido ao sistema de innovación, á empresa, ao sistema de produtividade", agrega. 

Para o ministro, si existe innovación en España. "Hai moitas empresas que teñen nichos tecnolóxicos, temos que mellorar, pero non temos unha mala base", apuntou Duque, que tamén insta a fomentar "o que o crean", pois "hai un potencial de mozos que deberían ter moitas máis saídas nas empresas", e para iso, ao sistema de ciencia hai que liberalo das trabas que existen actualmente. 

"Hai moitas empresas que teñen nichos tecnolóxicos, temos que mellorar, pero non temos unha mala base"

Neste sentido, o ministro instou ás empresas a investir en I+D+i, pois "de momento, a ciencia en España fana as universidades e centros públicos de investigación". "Que a empresa faga ciencia sería un obxectivo de enorme interese e dáse nalgunhas áreas, como a de Saúde, o importante sería incrementar o nivel tecnolóxico das empresas en base aos programas que temos e fomentar que fagan ciencia tamén", dixo.

MELLORAR O SISTEMA DE BOLSAS. Sobre Universidades, outra das competencias que reúne o seu Ministerio, comentou que "non sobran", pois considera que a Universidade é "a base do coñecemento" e avoga por dar a estas institucións "flexibilidade" para poder organizarse. 

"Non fomos capaces de establecer un sistema de bolsas o bastante social como para que as persoas poidan elixir onde estudan sen ter que preocuparse do seu nivel económico", comentou o ministro, que di que isto "ten que ir mellorando ao longo do tempo", o cal será "máis fácil" se se aumentan os recursos. "O pan de mañá será o que sementemos hoxe e polo tanto hai que gastar algo en semente", comparou.

"Non fomos capaces de establecer un sistema de bolsas o bastante social como para que as persoas poidan elixir onde estudan sen ter que preocuparse do seu nivel económico"

URDANGARIN E AQUARIUS. En relación ao ingreso en prisión de Iñaki Urdangarín, o ministro mostrouse partidario de "mellorar" os medios do sistema xudicial para "axilizalo" e dixo que é un "sistema que funciona e é igual para todos". 

Con respecto ao 'Aquarius', dixo estar "orgulloso" de que España tome a decisión de ser "solidaria" e opina que se deberían igualar as cotas entre os países europeos. "A actuación que tivemos e o ofrecemento do Goberno francés, etcétera, removeron as conciencias e en Europa estamos agora nunha posición de volvernos a expor isto e buscar unha solución", resolveu. 

Comentarios