Illa asegura que a situación da pandemia en España non é comparable á de marzo

O Goberno non baralla neste momento volver asumir o mando único para xestionar a crise sanitaria
Salvador Illa, este viernes. EFE
photo_camera Salvador Illa, este venres. EFE

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou este venres que a situación actual da pandemia en España non é comparable coa que se viviu en marzo e abril, aínda que haxa un aumento de casos de coronavirus. Destacou, ademais, que están relacionados sobre todo con mozos na súa maioría asintomáticos e que a presión hospitalaria é totalmente distinta á de marzo.

Illa pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa tras o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado este venres, na que asegurou que o Goberno non baralla neste momento volver asumir o mando único na xestión da crise sanitaria e mostrouse convencido de que as medidas comúns a toda España adoptadas agora, xunto ás que xa está a aplicar cada comunidade, permitirán estabilizar o crecemento dos contaxios. Esas medidas compartidas son, entre outras, o peche do lecer nocturno e a prohibición de fumar na rúa se non é posible manter unha distancia de seguridade, veto vixente xa en Galicia.

"Os gromos en lecer nocturno xeran moitos casos e, pola propia natureza da actividade destas instalacións, é difícil identificar os contactos", dixo o ministro, quen lanzou unha chamada de atención aos mozos e felicitou as persoas máis maiores polo seu comportamento cívico ante esta pandemia. Illa tamén quixo deixar claro que está "prohibido o botellón".

"Non podemos permitir que haxa un incremento de casos, e por iso tomamos estas medidas coordinadas en toda España", dixo o ministro, quen asegurou que ata que exista unha vacina hai que ser "moi rigorosos" con estas medidas: "Non facer botellóns, non fumar cando non se poida manter unha distancia de dous metros e ter contacto cos amigos pero con grupos estables. Non xuntarse con máis de dez persoas", insistiu o ministro. 

Comentarios