Illa reclama precaución: "Imos mellorando, pero estamos mal"

Salvador Illa. EFE
photo_camera Salvador Illa, este venres en Barcelona. EFE

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediu este venres aos españois actuar con "precaución", posto que, aínda que os indicadores epidemiolóxicos son mellores que hai unhas semanas, a situación segue sendo "moi preocupante". "Imos mellorando, pero estamos mal", dixo.

Illa participou na presentación das conclusións da comisión de Ciencias da Saúde do Círculo de Economía de Barcelona, entidade con sede en Barcelona presidida por Javier Faus. Alí, o ministro pediu prudencia, porque, aínda que as medidas restritivas están a dar resultado, achéganse "datas delicadas", xa que en decembro adóitase dar "un incremento importante da mobilidade". Advertiu, así mesmo, de que "a contorna é moi inestable", en referencia á situación noutros países europeos, polo que España debe seguir alerta.

A partir de aí, si albisca "a luz ao final do túnel", un "horizonte" de esperanza que situou en maio, cando xa se debería contar cun suficiente "número de persoas vacinadas que permitan pasar a un estadio moi distinto ao que temos nestes momentos".

O ministro cre que en maio o nivel de persoas vacinadas podería ser suficiente para pasar a un "estadio moi distinto"

Illa defendeu que o "marco institucional funcionou de forma razoablemente correcta" nos últimos meses, o cal non significa que non haxa cousas a mellorar. "Hai que facer axustes, si, pero non cambialo", sostivo.

Tamén subliñou que "España ten unha boa tradición de vacinación", co que o sistema será capaz de fornecer as vacinas que sexan necesarias. E aplaudiu que a Comisión Europea centralice as compras de vacinas —hai catro contratos xa pechados e tres máis en vía de negociación—, que se distribuirán de forma equitativa garantindo a súa "seguridade e eficacia".

Así mesmo, defendeu o papel desempeñado pola Organización Mundial da Saúde, organismo que é "absolutamente indispensable" para loitar contra o virus, e destacou que a pandemia obrigou a actuar cunha "solidariedade forzada".

Comentarios