O incombustible Berlusconi anuncia a súa candidatura ao Parlamento Europeo

O magnate non renuncia aos seus 82 anos a seguir na vida política

Silvio Berlusconi. EFE
photo_camera Silvio Berlusconi. EFE

O que foi tres veces primeiro ministro de Italia, Silvio Berlusconi, anunciou a súa candidatura ás eleccións europeas de maio, unha decisión que toma aos seus 82 anos e co seu partido en horas baixas no seu país, eclipsado pola ultradereita.

O líder de Forza Italia, pertencente ao Partido Popular Europeo, volverá optar a un posto de elección despois de que a Xustiza italiana levantase o pasado maio a inhabilitación para cargo público que lle foi imposta ata 2019 pola súa sentenza por fraude fiscal.

"Decidín por sentido da responsabilidade ir a Europa, onde falta o pensamento profundo sobre o futuro do mundo", dixo á marxe dun acto electoral na cidade sarda de Cagliari.

Berlusconi, que xa estivo na Eurocámara entre 1999 e 2001, expresou o seu desexo de poder alcanzar este novo obxectivo que se fixou: "Rezo a Deus que me dea forza para convencer a moitos outros".

O seu correlixionario e presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani, celebrou o anuncio: "Estaba seguro de que volvería unha vez máis para defender a liberdade e o dereito dos cidadáns a ter un traballo e a non ser vexados por impostos inxustos", tuiteou.

Por mor da súa inhabilitación, Berlusconi non puido concorrer ás últimas eleccións e nas xerais de 2018 limitouse a facer campaña integrado nunha coalición coa ultradereitista Liga que resultou a lista máis votada, aínda que sen maioría.

Aquela cita coas urnas confirmou que o seu tirón electoral e o do seu partido xa non era o que foi durante dúas décadas de hexemonía na dereita italiana e revelou o "sorpasso" da Liga de Matteo Salvini. Ademais tivo que ver como o seu socio de coalición accedía a gobernar co partido que máis detesta, o antisistema Movemento Cinco Estrelas, unha alianza que considera "contranatura" e á que hoxe atacou de novo.

"É necesario cambiar este Goberno, representado por un Movemento Cinco Estrelas guiado por persoas sen experiencia nin competencia. Son como os señores da esquerda comunista do 1994", advertiu, en referencia ao ano en que entrou en política.

Agora, mentres o ministro Salvini ocupa todos os recunchos da vida política, o controvertido magnate decidiu aspirar de novo ao cargo de eurodiputado, afastándose dunha Italia convulsa na que o seu partido quedou relegado como cuarta forza.

Comentarios