Ingresa en prisión un monitor de campamento por abusar sexualmente de polo menos dez menores

As vítimas, de entre oito e dez anos, proceden de Madrid e atopábanse nun campamento de verán

Un monitor de campamento ingresou este xoves pola tarde na prisión de Villanubla en Valladolid como suposto autor dun delito de abusos sexuais cometido sobre polo menos dez nenos de entre oito e dez anos que asistían a un campamento de verán na localidade de Hornillos de Eresma.

Segundo informaron fontes próximas á investigación, o xulgado de instrución número 1 de Medina del Campo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para este monitor, duns 30 anos e veciño de Medina, debido a que existe risco de fuga, ante a gravidade dos feitos denunciados e ás evidencias de culpabilidade.

O detido compareceu ante a titular do xulgado e negouse a declarar, segundo as mesmas fontes, que ademais apuntan que o xuíz tamén tomou declaración a compañeiros de traballo deste campamento en calidade de testemuñas, así como a familiares dos nenos, residentes en Madrid, que supostamente sufriron os abusos sexuais por parte deste monitor. Ademais, trata de esclarecer se hai máis vítimas, polo que o caso segue aberto e non se decretou, de momento, o segredo de sumario.

Os nenos proceden de Madrid e atopábanse nun campamento de verán, denominado El Trasto e organizado pola empresa privada Campa, lecer e tempo libre, que, consultada por Efe, limitouse a dicir que o caso se atopa en plena investigación e que a actividade neste centro continúa con normalidade logo da detención do monitor, ocorrida este mércores.

Por outra banda, a alcaldesa de Hornillos de Eresma, Coral López de la Viuda, explicou que este caso causou moita consternación neste pequeno municipio de douscentos habitantes, próximo á localidade de Olmedo, en Valladolid. A rexedora asegurou que é a primeira vez que ocorre algo así nas instalacións desta empresa de lecer e aventura que abriu este campamento fai uns dez anos nesta localidade.