Investigan a sete menores por unha agresión sexual múltiple a unha moza de 17 anos

Cinco dos implicados figuran como investigados por un delito contra a liberdade sexual e outros dous xa non están no expediente porque non alcanzaron os 14 anos

A Fiscalía de Menores investiga unha suposta agresión sexual a unha adolescente de 17 anos en Vitoria, na que habería sete menores implicados. Un portavoz da Ertzaintza confirmou este sábado que a Policía vasca abriu unha investigación por un presunto delito de agresión sexual a unha menor ocorrido en Vitoria "en datas pasadas" e que puxo as dilixencias a disposición da Fiscalía de Menores. 

As fontes oficiais non deron máis datos do suceso, nin tampouco das persoas implicadas nesta suposta agresión. El Correo publica este sábado que a suposta agresión ocorreu hai un mes nunha zona verde da capital alavesa, que a menor ten 17 anos e que dos sete presuntos menores implicados, cinco figuran como investigados dun delito contra a liberdade sexual e outros dous xa non están no expediente aberto porque non alcanzaron os 14 anos, a idade legal mínima para ser procesado xudicialmente. 

Engade que, dos cinco investigados, o Xulgado de Menores enviou polo menos a un a un centro en réxime semiaberto como medida preventiva e aos outros catro impúxolles unha orde de afastamento e comunicación coa vítima mentres se resolve a investigación do caso. Os acusados defenderon a súa inocencia e alegan que os feitos foron consentidos. 

Fontes do Concello da capital alavesa incidiron en que os feitos están a ser investigados pola Fiscalía, que haberá que esperar ás súas conclusións, e aseguraron que o consistorio vai actuar "desde a prudencia e discreción, respectando sempre o interese superior dos menores".