Juan Carlos Quer, do Chicle: "É un erro da natureza"

O pai de Diana Quer entrevistouse con Risto Meijide no programa Chester

Juan Carlos Quer en Chester.CUATRO
photo_camera Juan Carlos Quer en Chester.CUATRO

Juan Carlos Quer, o pai de Diana, acudiu o pasado domingo a Chester, o programa de Risto Meijide en Cuatro, para falar da desaparición e morte da súa filla, así como da súa postura respecto da prisión permanente revisable.

Quer falou dos seus sentimentos e a angustia vivida desde o primeiro día da desaparición de Diana na Pobra do Caramiñal e dirixiuse con dureza ao asasino confeso da moza, o Chicle, a quen considera "un erro da natureza".

Cando Risto preguntou a Quer sobre o perdón el contestoulle que "para que haxa perdón ten que haber arrepentimento sincero do dano que se pode facer a un inocente", algo que neste caso "non se cumpriu", explicou. O pai da moza afirmou que no seu día asistiu ao acto de imputación porque "quería ver os últimos ollos que viu a miña filla", pero o Chicle "non foi capaz nin de levantar a cabeza". Ademais, concreta que nese momento o procesado estaba a dicirlle aos seus pais "que vendesen entrevistas a 10.000 euros e dicíndolles que en sete anos estaría fóra".

Neste momento o entrevistador indagou no emocional de Quer e preguntoulle que era o que quería atopar nesa mirada, ao que que o pai contestou "quería ver o que había detrás, e vin que non había nada". Foi neste momento cando sentenciou: "Esta persoa non é un ser humano, é un erro da natureza".

Juan Carlos Quer atópase nestes momentos nunha loita por evitar que se derrogue a prisión permanente revisable.

Comentarios