Juana Rivas: "Vou facer o posible para que os meus fillos volvan, non pararei"

A granadina, que viaxa este martes a Italia para pasar 15 días xunto aos seus fillos, afirma que son eles "os que me fan seguir adiante"

Juana Rivas. EFE
photo_camera Juana Rivas. EFE

Juana Rivas, a veciña granadina de Maracena á que un xulgado condenou a cinco anos de cárcere por dous delitos de subtracción de menores, asegurou que fará todo o posible para poder regresar a España cos seus dous fillos, cos que se reunirá o mércores en Italia, onde viven co pai.

En declaracións a Efe, Rivas explicou que sente "moi feliz" porque o volverá ver aos seus dous fillos, que conviven co seu pai, o italiano Franceso Arcuri, desde que ela os entregara o agosto pasado tras pasar con eles case un mes en paradoiro descoñecido.

"Vai ser estupendo", apuntou Rivas, que este martes partiu desde o aeroporto de Granada a Sardeña para reencontrarse cos seus fillos.

"Vou facer o posible para que os meus fillos volvan. Non vou parar e se vós me axudades, non hai outra que isto se resolva", recalcou Juana Rivas, que antes de embarcar asegurou que está cada vez máis forte a pesar de que hai "días máis malos".

"Alégrome moito de que a xente respondese tan rápido e que fagan posible as miñas vacacións cos meus fillos, estou moi feliz", resumiu Rivas.

Estas declaracións súmanse ao comunicado que fixo público esta mañá, antes de partir a Italia, no que dixo que segue a batalla que iniciou o 18 de maio de 2016, cando se trasladou de Italia a España "buscando protección e axuda" para saír dos malos tratos polos que denunciou a Arcuri.

"O que me fai seguir adiante, por encima de todo, son os meus fillos e a necesidade de garantirlles unha vida libre de violencia e digna de ser vivida", explicou esta nai condenada por dous delitos de subtracción de menores.

O Tribunal de Cagliari, encargado de decidir sobre a custodia dos dous menores, ratificou o encontro entre a nai e os seus fillos o pasado 6 de agosto a pesar de coñecer a condena a cinco anos de prisión imposta a Juana Rivas.

Juana Rivas podería incluso ampliar estes primeiros quince días en compañía dos seus fillos por un acordo oral alcanzado con Arcuri, segundo explicou a Efe o seu avogado, José Estanislao López, que recordou ademais que quedará en Italia ata a vista definitiva pola custodia dos menores que se celebrará o 26 de setembro no Tribunal de Cagliari. 

Comentarios