Junqueras, crítico coa fuga de Puigdemont: "Non fuxín por responsabilidade, como Séneca ou Cicerón"

Sen nomear ao expresident, o líder de ERC afea a falta de ética do antigo xefe de Goberno da Generalitat nunha entrevista

Oriol Junqueras. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)
photo_camera Oriol Junqueras. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)

O exvicepresidente catalán Oriol Junqueras, encarcerado desde novembro de 2017 polo referendo do 1 de outubro dese ano, explica que non eludiu á xustiza por responsabilidade cívica e ética, como Sócrates, Séneca e Cicerón, que tamén tiveron oportunidade de fuxir e non o fixeron. "Eu quedei en Cataluña por sentido de responsabilidade cara aos meus cidadáns", subliña Junqueras nunha entrevista que publica este martes o diario francés Le Figaro desde a prisión, nunha crítica velada á actuación do antigo xefe do Goberno da Generalitat, Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica.

O líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) conta que "Sócrates, Séneca ou Cicerón tiveron a posibilidade de fuxir e non a aproveitaron" e dise "impresionado" por esta "responsabilidade cívica e ética". Ademais, aínda que sinala que os líderes independentistas que se atopan encarcerados non están entre reixas para convencer a ninguén e insiste en que non cometeron "ningún delito", considera que o feito de que un responsable político viva esa realidade ten "un valor ético".

Preguntado sobre se hai que seguir apoiando o Goberno socialista de Pedro Sánchez, Junqueras responde que a cuestión, á marxe de que o Executivo sexa socialista ou liberal, é se "defende os dereitos civís". "Para que discutir dunha ou outra partida orzamentaria se neste país se condena os cantantes, os humoristas, os activistas", asegura.

O exvicepresidente da Generalitat pon o acento en que organizar un referendo como fixo o seu Goberno en 2017 non é delito desde que o Parlamento español modificou o Código Penal en 2005, e en que non cometeron "ningún acto de violencia". E quéixase de que o Tribunal Constitucional, ao suspender o referendo e declaralo ilegal, atribuíuse funcións que "no marco da cultura occidental" non lle corresponden.

Junqueras admite que era consciente de que podía acabar en prisión, porque anticipaba que "o aparello do Estado non podería resistir á tentación", aínda que algúns lle dicían que iso non podería ocorrer en pleno século XXI. 

Comentarios