Junqueras pide ir a unha prisión catalá cando se cumpren seis meses do 155

Romeva tamén apela ás regras Nelson Mandela para solicitar o seu traslado a un cárcere próximo a Barcelona

El vicepresidente cesado de la Generalitat, Oriol Junqueras. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)
photo_camera El vicepresidente cesado de la Generalitat, Oriol Junqueras. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)

A aplicación do 155 en Cataluña cumpre seis meses co mesmo protagonismo que acompañou a esta medida desde que se puxo en marcha o 27 de outubro do ano pasado. En pleno debate orzamentario, serviu de xustificación ao PNV para manter a súa oposición á tramitación dos PGE ata o último momento.

Despexada xa esta dúbida, coa luz verde para que continúe o debate, a intención do Goberno de Mariano Rajoy segue sendo levantar a aplicación do 155 en canto haxa un novo Executivo en Cataluña, para o que queda pouco prazo, xa que o 22 de maio é a data límite para realizar a investidura.

Neste contexto, o exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras pediu o seu traslado a un cárcere catalán para evitar o seu "desarraigamento" e en defensa da saúde "física e emocional" dos seus fillos e invocou as "Regras Nelson Mandela" para "reducir ao mínimo" as diferenzas entre a súa vida en prisión e en liberdade.

Nun escrito dirixido á Secretaría Xeral de Institucións Penais, ao que tivo acceso Efe, Junqueras, que leva máis de seis meses no madrileño cárcere de Estremera, a máis de 600 quilómetros da súa casa, solicita o seu traslado á prisión barcelonesa de Brians-II ou a calquera outro centro próximo ao seu domicilio de Sant Vicenç dels Horts (Barcelona).

Junqueras lamenta as "funestas" consecuencias que pode comportar a separación dos seus dous fillos de pouca idade e advirte de que, tras seis meses de encarceramento a máis de 600 quilómetros da súa casa, "os dereitos dos menores a gozar da súa saúde física e emocional poderían verse seriamente comprometidos".

Neste sentido, asegura que o distanciamento cos seus fillos "está a repercutirlles de forma negativa e inmerecida", sobre todo "cando non existe ningún obstáculo" para que poida estar en situación de prisión provisional nun cárcere máis próximo á súa casa, xa que, unha vez procesado por rebelión e malversación, non se prevén máis dilixencias de instrución que impliquen a súa intervención persoal ante o Tribunal Supremo.

TAMÉN ROMEVA. Unha argumentación similar empregou o deputado de ERC e exconseller de Exteriores, Raül Romeva, quen pediu este venres o seu traslado a un centro penal catalán ante a inxustiza do centro penal onde está recluído, Estremera, en Madrid, e para que "a ignominia individual deixe de ser colectiva". 

Nun apuntamento na súa conta de Twitter, recollido por Europa Press, Romeva declarou: "A inxustiza de Estremera non só cae sobre os encarcerados. Tamén vulnera o dereito dos nenos a relacionarse co seu pai ou nai (Convención do Dereito dos Nenos, ONU). Por iso pedimos traslado a Cataluña, para que a ignominia individual deixe de ser colectiva". 

Comentarios