Máis presión para a ministra Delgado: filtran un audio no que chama "maricón" a Marlaska

A titular de Xustiza sostén que a conversación co excomisario Villarejo podería ser unha montaxe

Dolores Delgado. MARISCAL
photo_camera Dores Delgado. MARISCAL

A ministra de Xustiza, Dolores Delgado, suxeriu este martes que a gravación difundida por moncloa.com da súa comida co excomisario José Villarejo pode ser unha montaxe e deixou claro que é amiga de Fernando Grande-Marlaska e que o "maricón" que se lle escoita dicir nese audio non vai referido a el.

Delgado protagonizou un almorzo informativo en Madrid tras a publicación da segunda quenda de audios dese xantar celebrado en 2009, no que supostamente se refire con ese apelativo despectivo ao entón xuíz da Audiencia Nacional e di que ela prefire "tribunais de tíos" aos de "tías".

A ministra, ademais de reiterar os argumentos que o luns esgrimiu nun comunicado sobre a súa relación con Villarejo, asegurou que "por suposto" conta co respaldo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do resto o Executivo, representado no almorzo pola ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Dixo ser vítima de ataques "execrables" e recordou que non se difundiu o audio enteiro da comida, senón "trocitos solapados". "As gravacións córtanse, péganse, ponse e quítanse", advertiu antes de prometer que chegará "ao fondo do asunto".

No caso do actual ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou que o coñece desde 2004, que son amigos, que o respecta no persoal e o profesional, que o quere e que está doída "e moito". "O que me coñeza, e entre eles Marlaska, sabe que (o audio) non se refire a el", engadiu. 

 

Estas son as polémicas conversacións entre Villarejo, Delgado e outros mandos xudiciais
Villarejo: Non hai igualdade entre o home e a muller.
Delgado: Non, non a hai. Teño unha vantaxe indiscutible. Mira, eu sei perfectamente por onde ides. Sodes transparentes.
Alguén: Querémoste todos.
Delgado: Mira, eu vouche dicir unha cousa. A min que me dean un tribunal de tíos. E non me levo mal coas tías. Pero de tíos, que xustamente sei por onde van. En cada xesto, en cada cousa. Sei por onde van.
Villarejo: Si, si. Simples como o mecanismo dun chupete.
Con Baltasar Garzón
Delgado: Podo contar o deste?
Garzón: Si.
Delgado: Un maricón.
Villarejo: Quen é maricón? Quen?
Delgado: Marlaska

 

Comentarios