A Mesa do Congreso suspende os catro deputados cataláns presos

Adóptase esta medida a Oriol Junqueras, Josep Rull, Jordi Turull e Jordi Sànchez, en aplicación do artigo 384 bis da Lei de Enxuizamento Criminal

Diputados catalanes presos en el Congreso. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera Diputados catalanes presos en el Congreso. BALLESTEROS (EFE)

A Mesa do Congreso, presidida pola socialista Meritxell Batet, suspendeu dos seus cargos os catro deputados cataláns en prisión preventiva, de acordo co informe xurídico encargado aos letrados da Cámara, que avalaban adoptar esta medida de xeito automático. 


Batet anunciou ao termo da reunión da Mesa a suspensión no exercicio dos seus cargos de Josep Rull, Jordi Turull e Jordi Sànchez, en aplicación do artigo 384 bis da Lei de Enxuizamento Criminal, tal e como determinaran os servizos xurídicos. 

A presidenta asegurou que non houbo unha votación como tal dos nove membros da Mesa, aínda que os dous representantes que Unidas Podemos ten no órgano de goberno do Congreso opuxéronse a que se adoptase este venres a suspensión, ao pedir máis tempo para estudar con detemento o ditame dos letrados.

Ademais de tratar a suspensión, a Mesa tiña que analizar o alcance desta medida, sobre todo polos efectos que pode ter para o limiar da maioría absoluta ao faltar catro dos 350 deputados do Congreso, asunto sobre o que se acordou pedir un novo ditame aos servizos xurídicos da Cámara.

Desta forma, explicou Batet, convocarase unha nova Mesa para adoptar no seu momento os acordos que sexan necesarios á luz do novo informe xurídico encargado aos letrados.

Insistiu a presidenta en que hoxe se acordou a suspensión dos "dereitos e deberes dos parlamentarios" e que o relativo ao "cómputo de maiorías" será tratado na seguinte reunión da Mesa. 

E puntualizou que se os catro deputados presos non renuncian á súa acta "serán deputados suspendidos".

Meritxell Batet fixo notar que ante unha "situación inédita" como a que tivo que afrontar pola situación dos catro deputados cataláns, buscouse "salvagardar" o poder lexislativo e "garantir" os dereitos dos parlamentarios.

Remarcou que procurou tomar as decisións correspondentes "conforme a dereito e coa máxima seguridade xurídica", as cales en ningún caso poden ter carácter "político" ou discrecional.

Por iso xustificou o escrito que dirixiu ao Tribunal Supremo para aclarar as dúbidas sobre a suspensión, así como o encargo aos letrados do informe, dada a "complexidade" e o "delicado" da cuestión e as "diverxencias" nos diferentes escritos que as forzas políticas dirixiron á Mesa.

Neste sentido, remarcou que o encargo do informe foi a decisión "máis prudente, máis garantista e con maior seguridade xurídica" que se podía tomar.

Ademais de suspender aos deputados con efectos do día 21 de maio, cando tomaron posesión dos seus cargos na sesión constitutiva do Congreso, a Mesa comunicou o seu acordo ao Tribunal e á Fiscalía para que poida adoptar "as medidas oportunas". 

Comentarios