Morre afogado un neno en Barbate tras arrastrar a corrente o seu colchón

As testemuñas indican que varios bañistas acudiran axudalo, pero a corrente non lles permitía chegar ata onde estaba o menor

Un neno de cinco anos morreu afogado tras ser arrastrado mar dentro pola corrente cando estaba sobre un colchón na praia do Retín de Barbate, en Cádiz. Segundo informaron a Efe fontes do servizo de urxencias 112 e do Servizo Andaluz de Saúde (SAS), ás 18.40 horas o 112 recibiu a primeira de numerosas chamadas nas que se pedía axuda para un menor que entrara na auga cun colchón e non podía saír.

As testemuñas indicaban que varios bañistas acudiran axudalo, pero a corrente non lles permitía chegar ata onde estaba o menor. De inmediato, o 112 avisou a Salvamento Marítimo, á Garda Civil, á Policía Local, ao Servizo de Praias e á Empresa Pública de Urxencias Sanitarias.

Salvamento Marítimo activou un operativo no que participaron o helicóptero Helimer 205, o Salvamar Gadir, o buque María Zambrano e unha lancha de Protección Civil.

O Salvamar Gadir avistou o colchón e, pouco despois, a embarcación de Protección Civil atopou o corpo do neno na auga. Na lancha, que se dirixiu ao porto de Barbate, os efectivos de Protección Civil practicaron sen éxito manobras de reanimación ao pequeno.