Morre un condutor que circulaba en sentido contrario na A-8, en Xixón

Provocou un accidente no que resultaron feridas outras cinco persoas

O condutor dun turismo que circulaba en sentido contrario na autovía A-8, á altura de Xixón, faleceu a pasada noite nun accidente no que resultaron feridas outras cinco persoas, entre elas dous menores, informaron a Efe fontes da Garda Civil e do Servizo de Urxencias do Principado de Asturias (Sepa).

O falecido, que circulou en sentido contrario a gran velocidade durante varios quilómetros por causas que están a ser investigadas, tiña 52 anos e o seu cadáver tivo que ser excarcerado do vehículo no que viaxaba, que quedou totalmente esnaquizado.

O ferido de maior consideración é un home de 69 anos, que conducía o vehículo que impactou contra o turismo que circulaba en sentido contrario. Tras ser excarcerado do seu vehículo, foi ingresado en estado grave no Hospital de San Agustín de Avilés.

Nese mesmo vehículo viaxaba outra muller que foi trasladada con prognóstico reservado ao Hospital Universitario Central de Asturias (Huca), en Oviedo. No sinistro viuse implicado un terceiro vehículo no que viaxaba un home de 48 anos e dous menores de 4 e 5 anos, que resultaron feridos leves e tamén foron trasladados ao Huca.

O Centro de Urxencias do 112 trasladou ás 23:22 horas deste luns á Garda Civil o aviso de que un turismo estaba a circular pola A-8 en sentido contrario, na plataforma sentido Galicia pero en dirección cara a Santander, á altura do quilómetro 448.

A Garda Civil de Tráfico puxo en marcha de inmediato un operativo para tratar de interceptar ao condutor, que xerara a alarma entre os usuarios da autovía. Con todo, o condutor impactou contra outro turismo que circulaba no sentido correcto ás 23:39 horas e a continuación outro coche chocou cos vehículos accidentados.

Ao lugar do accidente trasladáronse varias ambulancias e dotacións da Garda Civil e os Bombeiros do Sepa.

Comentarios