Morre a muller que foi agredida en Valladolid despois dun mes en coma

Un menor acompañado da súa nai entregouse á Policía ó día seguinte dos feitos e permanece ingresado nun centro

Unha persoa de 55 anos que foi agredida o pasado 12 de agosto nun centro comercial de Valladolid, cando ía vestida de muller aínda que resultou ser un home, faleceu no hospital despois de máis dun mes en coma, confirmaron este domingo a Efe fontes da asociación ATC Rainbow.

A agresión produciuse na madrugada do pasado 12 de agosto nun centro comercial de Valladolid e inicialmente un vixiante xurado informou de que unha muller sufrira unha agresión, aínda que finalmente resultou que a vítima era un home que levaba roupa de muller.

A vítima entrou en estado de coma aos poucos días de ingresar no Hospital Pio del Río Hortega e faleceu na tarde deste sábado, segundo informaron fontes da Asociación ATC Rainbow, coa que mantiña habituais contactos aínda que non pertencía a ela.

No transcurso da agresión, a vítima sufriu o roubo do teléfono móbil da súa propiedade, aínda que a Policía tamén dirixiu a investigación a que o caso teña unha orixe de índole sexual. Como autor da agresión entregouse ao día seguinte un menor de idade que se presentou coa súa nai na Comisaría da Policía Nacional e que permanece ingresado no centro de menores Zambrana.

Despois do falecemento da vítima, o menor pasará a ser investigado como presunto autor dun delito de homicidio. En repulsa por esta agresión, a Asociación ATC Rainbow convocou unha manifestación en Valladolid para o próximo 20 de outubro.