Morre un misioneiro español nun atentado xihadista en Burkina Faso

O cordobés Antonio César Fernández é unha das seis vítimas do ataque

El misionero fallecido en Burkina Faso. SALESIANOS GOOGLE MAPS
photo_camera El misionero fallecido en Burkina Faso. SALESIANOS GOOGLE MAPS

O misioneiro salesiano español Antonio César Fernández é unha das seis vítimas mortais do suposto atentado xihadista perpetrado o venres en Burkina Faso.

O ataque produciuse na localidade de Nohao, na provincia de Boulgou, a 40 quilómetros da fronteira sur do país e preto de Ghana: alí, un grupo de xihadistas en motocicleta atentou contra un posto de aduanas, atrapando no lume cruzado ao misioneiro.

O Goberno español solicitou ás autoridades de Burkina Faso que abran unha investigación sobre a morte do misioneiro e anunciou que o embaixador de España en Mali desprazarase en breve a este país para asistir a toda a tramitación necesaria.

O misioneiro salesiano faleceu tras recibir tres disparos durante o ataque, no que foron asasinados tamén cinco funcionarios de aduanas locais e que se produciu á primeira hora da tarde do venres, cando o misioneiro regresaba á súa comunidade en Uagadugú xunto a outros dous relixiosos, que sobreviviron. 

Os misioneiros volvían á cidade tras celebrar na capital de Togo, Lomé, unha reunión da Inspectoría Salesiana de África Occidental Francófona.

Este ataque enmárcase dentro da onda de violencia que azouta a Burkina Faso desde 2015, nun contexto que viviu un agravamento da ameaza terrorista nas últimas semanas tras a celebración da V Conferencia de xefes de Estado do G5 do Sahel, cuxa presidencia rotatoria asumiu a presidencia rotatoria.

Sánchez mostra a súa "repulsa"
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, condenou este ataque terrorista: "A miña absoluta repulsa a este atentado e o meu recoñecemento a cooperantes e voluntarios que arriscan a súa vida traballando en zonas de conflito", escribiu o xefe do Executivo na súa conta de Twitter.

Sánchez tamén quixo mostrar o seu agarimo á familia e compañeiros do misioneiro salesiano, así como de todas as vítimas do ataque terrorista perpetrado onte no país africano.

Fernández, nacido en Pozoblanco (Córdoba) en 1946, era misioneiro desde 1982, ano no que fundou a presenza salesiana en Togo e fixo deste país de África Occidental o seu primeiro destino, aínda que na actualidade exercía en Burkina Faso.

Comentarios