Un mozo arxentino sofre queimaduras graves ao explotar o seu móbil mentres durmía

Un mozo sufriu queimaduras graves tras explotar o seu teléfono móbil mentres durmía na súa casa da provincia arxentina de Córdoba, segundo explicou este luns o afectado en declaracións á prensa. "Espertáronme as chamas. Fun ao baño, tireime na ducha e apagouse. E o meu irmán logrou apagar o lume da cama", dixo Catriel Gómez nunha entrevista coa Doce TV.

O mozo afectado pola explosión dun móbil en Arxentina. O DOCESegundo relatou a vítima, de 22 anos e residente na localidade cordobesa de La Falda, todo ocorreu cando estaba a durmir co celular sobre o seu peito e cargando. "Saíra cuns amigos (a noite anterior). Cheguei como ás catro. Púxenme a cargar o teléfono. Cando esperto, sobre as 8.30 da mañá máis ou menos, tiña todo prendido lume", aclarou, para explicar que o "ácido" da batería do teléfono saltoulle no costado e nas pernas. O teléfono comprouno hai apenas dez meses, e aínda o está pagando.

Na canle TN e consultado polo tipo de feridas que sufriu, Gómez explicou que os médicos do hospital ao que acudiu dixéronlle que "nunca viran un caso así" e que ten "queimaduras graves", polas que acode unha vez por día ao centro hospitalario para a súa curación.

Nas redes sociais puidéronse ver imaxes do celular esnaquizado e do propio mozo coa axila dereita e parte do costado e as pernas con queimaduras e bochas.

Gómez avanzou que a súa intención é reclamar á empresa fabricante do teléfono, Motorola, e indicou que tras o sucedido publicou en Facebook unha mensaxe co detalle dos feitos que ao pouco tempo desapareceu. 

Este caso súmase a outros que se deron nos últimos anos en varios lugares do mundo. Entre eles, en maio de 2017 unha muller morreu en Marraquech, no sur de Marrocos, tras explotar un cargador de teléfono móbil no interior do vehículo que conducía, e en xaneiro de 2018 unhas cincuenta persoas, entre empregados e clientes, foron evacuadas dunha tenda Apple en Zúric por mor da explosión da batería dun teléfono móbil que feriu levemente a man dun dos traballadores.

Comentarios