Morre en Rusia a muller mais lonxeva do mundo con 123 anos

Tanzilia Bisembéyeva foi incluída en 2016 no libro ruso dos récords como a persoa viva de máis idade do mundo
Tanzilia Bisembéyeva. TWITTER
photo_camera Tanzilia Bisembéyeva. TWITTER

A rusa Tanzilia Bisembéyeva, que en 2016 foi incluída no libro ruso de marcas mundiais como a persoa máis lonxeva do mundo, faleceu á idade de 123 anos, segundo informou este mércores o seu fillo Shintas Bisembeyev á axencia Interfax.

A muller, nacida o 14 de marzo de 1896, residía na aldea de Islamgazi, na rexión de Ástrajan (sur de Rusia), indicou o seu fillo. 

O xefe do distrito de Krasnoyarsk, da rexión de Ástrajan, Nurgali Baitemirov, sinalou á axencia TASS que "todo o pobo veu ao enterro para presentarlle os seus respectos". 

"Todos a respectaban. Era unha persoa moi hospitalaria e aberta", relatou o seu fillo, para quen a amabilidade e unha actitude positiva ante a vida eran o segredo da lonxevidade da súa nai.

Bisembéyeva criou catro fillos. Nos últimos anos vivía co seu fillo menor e a súa nora. Tiña dez netos, trece bisnetos e dous tataranetos.

Tanzilia Bisembéyeva foi incluída en 2016 no libro ruso das marcas como a persoa viva de máis idade do mundo.

Foi a segunda persoa na historia en alcanzar a idade de 120 anos, segundo Interfax. A francesa Jeanne Louise Calment chegou a vivir 122 anos e 164 días. 

En 2017, Nanu Shaova, de 127 anos, de Kabardino-Balkaria, no Cáucaso norte, superou a marca de Bisembéyeva, converténdose na persoa máis lonxeva, de acordo coa axencia TASS, aínda que esta morreu en xaneiro pasado.

Comentarios