Nove mulleres acusan o tenor Plácido Domingo de acoso sexual

Oito cantantes e unha bailarina narraron á axencia AP comportamentos inadecuados do tenor que arrincan nos anos 80
Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO
photo_camera Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO

A axencia Associated Press reuniu o testemuño de oito cantantes e unha bailarina que acusan o tenor español Plácido Domingo de acoso sexual. Segundo os seus relatos, que arrincan a finais dos anos 80 e se prolongan tres décadas, presionaría a mulleres para que mantivesen relacións con el.

Ademais destas nove mulleres, das que unha figura identificada polo seu nome, outras seis trasladaron a AP que recibiron proposicións de Domingo que as incomodaron. A axencia tamén contactou con cantantes, bailaríns, músicos de orquestra ou persoal que traballa tras o escenario que dixeron que presenciaron un comportamento inapropiado do tenor español coas mulleres máis novas.

O artista trasladou a AP unha declaración na que asegura que as acusacións son "profundamente preocupantes e, tal como se presentan, imprecisas". "Aínda así, é doloroso oír que puiden molestar a alguén ou facerlles sentir incómodos, dá igual canto tempo faga diso e a pesar das miñas mellores intencións", di. 

A partir de aí, Domingo sinala que cre que todas as súas "interaccións e relacións foron sempre aceptadas e consentidas", pero tamén sinala que "os baremos polos que hoxe nos medimos, e debemos medirnos, son moi distintos de como eran no pasado". "Fun bendicido e privilexiado de ter unha carreira de máis de 50 anos e cinguireime ao máis alto nivel", apunta.