Múltiples mostras de repulsa polo crime de Huelva

Ourense foi o epicentro das protestas en Galicia e as redes sociais tamén clamaron contra esta lacra

Concentración en Ourense. EFE
photo_camera Concentración en Ourense. EFE

Máis de medio milleiro de persoas protagonizaron unha concentración silenciosa na noite deste martes na pista exterior do Pavillón dos Remedios de Ourense para protestar polo recente asasinato de Laura Luelmo. 

O cadáver da profesora de 26 anos de Zamora foi localizado con sinais de violencia o luns tras estar desaparecida desde o pasado mércores, día no que saíu a correr con roupa deportiva desde o seu domicilio, situado nel Campillo (Huelva). 

O acto foi convocado por unha integrante da escola de trail de Ourense, que mobilizou aos cidadáns a través das redes sociais co obxectivo de que "non ocorra máis" e reclamar o dereito "a correr libre, sen medo, sen medo a que a maten, sen medo a que lle digan nada, sen medo a ter medo", sinalou na súa páxina de Facebook o equipo deportivo. 

Tras o minuto de silencio inicial, a convocante leu a mensaxe de WhatsApp que enviou ás súas compañeiras de carreiras co que comezou o efecto chamada, orixinado pola "súa rabia" tras coñecer a noticia da morte da moza en Huelva. 

"Levo unha tempada que me dá medo cando saio soa, teño claro que xa abonda, deberemos saír a correr para que vexan que somos moitas as que gozamos deste deporte, basta de comentarios como está tola ou por que corre polo monte, son libre para correr", leu. 

Así mesmo, varios dos participantes leron varias frases nas que proclamaron educación e cambio social para pór fin a estas situacións, xa que "o cárcere non vai evitar que haxa violencia sobre as mulleres", e fixeron un chamamento a levantar "a voz". 

Non foi Ourense o único lugar en Galicia no que se mostrou repulsa por este crime e pola violencia machista en xeral. Tamén as redes sociais clamaron contra esta lacra con chamadas a pór coto a este problema. "Queremos ser libres, non valentes" era a mensaxe máis repetida.

Comentarios