Pablo Casado, novo líder do PP

O candidato vence a Santamaría en todas as mesas

Pablo Casado. ZIPI (EFE)-
photo_camera Pablo Casado. ZIPI (EFE)

Pablo Casado é o novo presidente do PP ao obter o voto do 57 por cento dos compromisarios populares (1.701 sufraxios) fronte aos 1.250 que logrou a exvicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría, a outra candidata que aspiraba a suceder a Mariano Rajoy. O palentino, ademais, gañou en todas as mesas destinadas á votación.

Tras coñecer os datos do reconto que fixo públicos a presidenta do XIX Congreso Extraordinario do PP, Ana Pastor, Casado, que entrou no auditorio entre aplausos e felicitacións dos compromisarios, foi proclamado presidente do partido.

En concreto, na votación, sobre un censo de 3.082 compromisarios emitíronse 2.973 votos.

Deles, Casado obtivo 1.701 fronte aos 1.250 de Soraya Sáenz de Santamaría, mentres que houbo 18 votos en branco e catro nulos.

En canto á elección dos vogais da Xunta Directiva Nacional tamén gañou a lista de Casado con 1.689 votos fronte aos 1.251 obtidos pola candidatura de Saénz de Santamaría.

"NECESÍTOVOS AO MEU CARÓN". Tras a vitoria, Casado subiu á tribuna de oradores para dirixirse aos compromisarios a quen anunciou que comunicou ao xefe da Casa Real o resultado do Congreso, e transmitiulle a lealdade do PP á Constitución e ao Rei Felipe VI. Un anuncio ao que respondeu o auditorio cun "¡Viva o Rei, viva España!".

Tras iso, o novo líder popular garantiu que o partido "volveu" e asegurou que estará "forte" e "unido" para traballar por España e polos españois, porque tras o congreso extraordinario para suceder a Mariano Rajoy xa non están "en funcións".

No discurso Casado reclamou a axuda de todos para fortalecer o partido. "Necesítovos ao meu lado, agradézovos o voso apoio e garántovos que volveremos ter un PP forte que seguirá transformando a España dos nosos fillos".

Con estas palabras terminou a súa intervención, tras afirmar que o PP non vai gastar "nin un minuto máis" en falar de si mesmo e asegurar que a integración que pediu Rajoy "é posible e vaina haber". Aínda que apostilou: "Polo menos pola miña banda", nunha mensaxe á candidatura perdedora de Soraya Sáenz de Santamaría.

"NON VOS VOU DEFREUDAR". Antes diso, o novo presidente do PP, fixo unha firme promesa aos compromisarios: "Non vos vou defraudar".

Casado mostrouse convencido de que os populares sairán "máis fortes e máis unidos deste proceso" no que "todos" votaron ao PP e "todos gañaron", dixo.

Por iso, tras agradecer o apoio recibido, de máis do 57 por cento dos votos, pediu que non se pregunte a ninguén a quen votou.

E tivo palabras de agradecemento tanto para o seu antecesor, Mariano Rajoy, e para o seu rival nesta contenda, Soraya Sáenz de Santamaría, pola campaña "limpa" que fixo.

INTEGRACIÓN. En canto ás súas primeiras medidas como líder do PP, Casado apelou a conseguir a integración para "seguir remando todos na mesma dirección" e que os populares estean unidos neste novo proxecto.

No discurso o palentino tamén expuxo o seu "contrato con España". Un contrato, engadiu, que permita ao PP "conectar con esa España das bandeiras e os balcóns", e que avogue tamén, entre outros asuntos, pola "rexeneración política de verdade".

Comentarios