Pablo Iglesias pide legalizar a marihuana e que España sexa referente na súa exportación

O líder de Podemos celebra que Canadá a legalizase con uso recreativo

Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, celebrou este luns a decisión de Canadá de legalizar a marihuana con uso recreativo, e avogou por seguir o mesmo camiño en España, non só para acabar coa delincuencia que xera o seu tráfico ilegal senón tamén para conseguir "enormes beneficios" en materia de ingresos fiscais para dedicar aos servizos públicos. 

De feito, Iglesias defendeu que España se converta nun país "referencia" en exportación de marihuana con denominación de orixe, en lugar de ser "referencia en exportación de armamento que serve para asasinar xente", algo que si que lle "avergoña". 

"Que o noso país sexa unha referencia en exportación de marihuana e que iso reverta, non no beneficio privado de catro señores, senón da sanidade ou os servizos públicos, sería algo do que estaría orgulloso. E xa abonda de hipocrisía", manifestou nunha entrevista en Radiocable, recollida por Europa Press.

"XA ABONDA DE HIPOCRESÍA". Neste sentido, sinalou que lle parece "unha tomadura de pelo" que en España se poida ir ao supermercado "a comprar xenebra, ron, tequila ou vodka, e que a marihuana sexa ilegal". "O seu uso recreativo non é máis perigoso que o alcol ou o tabaco. E non creo que ninguén neste país vaia pedir que se prohiba o alcol", apuntou. 

"No noso país practicamente a totalidade dos fumadores probaron o cannabis, iso din algúns estudos. E estudos médicos falaron dos beneficios paliativos da marihuana para tratamentos terapéuticos", defendeu. 

Así mesmo, asegurou que legalizar a marihuana suporía "non ter que dedicar gastos policiais á persecución e tráfico ilegal, que é o que xera delincuencia e explotación". "E o que podería implicar en termos de ingresos fiscais para o Estado, poderiamos ter unha das mellores sanidades do mundo", insistiu. 

Por iso, pediu aproveitar o debate que se abriu por mor da legalización en Canadá, e asumir unha "postura progresista, liberal e sensata" respecto diso, que converta a España "nunha referencia" na produción e exportación de marihuana. 

"Se é con marihuana, se cadra ata con Felipe González se pode fumar a pipa da paz", chanceou Iglesias, facendo referencia á canción de Javier Krahe, Cuervo ingenuo, e tras recordar o entrevistador que o citado expresidente do Goberno xa expuxo a posibilidade de estudar a legalización do cannabis. 

Comentarios