Os pais de Julen e o dono da leira de Totalán chegan a un acordo e non haberá xuízo

Serrano aceptou unha condena dun ano por un delito de homicidio por imprudencia e o pago dunha indemnización que podería roldar os 180.000 euros
José Roselló e Vitoria García, os pais de Julen. DANIEL PÉREZ (EFE)
photo_camera José Roselló e Vitoria García, os pais de Julen. DANIEL PÉREZ (EFE)

Os pais de Julen, o neno de dous anos que morreu ao caer a un pozo en Totalán (Málaga), e o dono da leira, David Serrano, alcanzaron un principio de acordo para evitar que se celebre este martes o xuízo na Cidade da Xustiza de Málaga. 

Serrano aceptou unha condena dun ano de cárcere por un delito de homicidio por imprudencia grave co compromiso de pago da indemnización, que pode ascender a uns 180.000 euros, segundo informaron a Efe fontes xudiciais. 

Nos termos do principio de acordo suspéndese a condena co compromiso de pago da indemnización e este luns está previsto que o acusado abone 25.000 euros e o resto a 50 euros ao mes ata que mellore a súa situación económica. 

Pese ao principio de acordo, a Sala tense que constituír este martes para que o tribunal dea o visto e prace ao acordo, segundo as fontes.