Un pasaxeiro do tren accidentado en La Hiniesta: "Houbo ataques de ansiedade"

Alberto Gálvez admite que se asustou ao ver a locomotora "envorcada". Foi inevitable pensar no terrible accidente de Angrois de 2013
Efectivos de Urxencias e pasaxeiros no lugar do accidente. EFE
photo_camera Efectivos de Urxencias e pasaxeiros no lugar do accidente. EFE

"Había xente que saía nerviosísima. Houbo ataques de ansiedade". Alberto Gálvez ten hoxe 27 anos. Recentemente estreada esa década vital, viu por televisión o descarrilamento dun Alvia en Angrois, na véspera do Día de Galicia. Aquel terrible episodio do 24 de xullo de 2013 regresou con toda a súa crueza e decibeis á súa mente. E, nos primeiros instantes, iso mesmo ocorreulles a moitos outros. 

Esta vez, este mozo de Zaragoza, con parella en Compostela (Nora), non estaba ante unha pantalla. Él ía no tren que realizaba a ruta Ferrol-Madrid e que sufriu un tráxico contratempo na zona de La Hiniesta, en Zamora, ao precipitarse desde un paso elevado un vehículo todoterreo contra o que impactou a locomotora dese convoi. 

Técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios e da Policía Xudicial da Garda Civil inspeccionaron este mércores a zona da vía que este pasaxeiro xamais esquecerá. Topetazo, servizos de urxencia, berros, pranto, feridos (sete) e mortes (dúas). 

"Unha pena toda a xente que saíu lesionada, o condutor do coche de 89 anos, o maquinista de 32". O primeiro, pereceu no acto. E o segundo, non recuperou a pesar das manobras de reanimación. Era Álex Pedreira, coruñés, fillo de familia ferroviaria. Estaba en prácticas. Semanas antes da pandemia conseguira o traslado á súa terra, desde Portbou, a localidade máis setentrional do mar mediterráneo. 

O maquinista titular ao que acompañaba quedou, como el, atrapado na cabina, e está grave. 

Alberto Gálvez ía nos últimos vagóns. "Notamos unha freada gorda", conta a Efe, e engade que "o susto foi maior cando vimos a máquina envorcada. Os máis novos axudamos á xente maior, ou con dificultades, a saír". 

A alarma inicial quedou mitigada cando uns e outros comezaron a ver que a xente sen problemas de mobilidade empezaba a saír polo seu propio pé. "Entón detectamos que algo na máquina tivera que pasar, porque levou a peor parte". 

Alberto debeu axudar a decena e media de persoas, das que tiñan dificultades, calcula, e colaborou co transporte de maletas, sobre todo con dúas "que pesaban moito". Con eses portes, percorreu máis dun quilómetro. 

As forzas e corpos de seguridade, comenta, chegaron "enseguida". Policía Nacional, Local, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros, ambulancias... "Todos se portaron con moitísima humanidade. Preguntábannos oitenta veces se estabamos ben, se botabamos en falta algo ou a alguén". 

Alberto non ten secuelas. Chegou a Madrid, capital na que reside desde hai tres anos, con apenas dúas horas e media de atraso. "Iso dá mostras de que a actuación foi moi rápida". Ao norte trasladouse esta vez por traballo, unha estadía de catro días, permitida a pesar das restricións imperantes polo virus. 

Santiago ten moi presente a traxedia que acabou con moitas vidas, oitenta, e partiu pola metade outras tantas. 

"Non foi o mesmo. Este tren non chegou a envorcar. Pero é lóxico acordarse daquilo e asustarse", conclúe Alberto, que, na súa despedida, volve lamentar o saldo mortal, o rexistrado en 2013 e o deste 2020. 

Comentarios