Pedro Sánchez: "O que non pode haber e non haberá serán terceiras eleccións"

 A candidata a suceder a Rivera á fronte de Cs, Inés arrimadas, propón ao líder socialista unha reunión a tres con Casado para buscar un "Goberno moderado"
Pedro Sánchez. ZIPI
photo_camera Pedro Sánchez. ZIPI

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, afirmou que o desbloqueo político en España non depende só do pacto entre PSOE e Unidas Podemos, senón que é responsabilidade "de todas as forzas parlamentarias", aínda que descartou que vaia haber terceiras eleccións. A candidata a suceder a Albert Rivera á fronte de Cs, Inés Arrimadas, pediu ao líder socialista unha reunión a tres co presidente do PP para lograr un acordo para un "Goberno moderado". Sánchez accedeu á cita con Cs, pero non co PP.

"O que non pode haber e non haberá serán terceiras eleccións", dixo Sánchez, esquivo cando se lle preguntou pola posible data para a súa investidura. Ao seu xuízo, o PSOE está "moi preto" de conseguir os 176 escanos para unha investidura con maioría absoluta. "Queremos que haxa un Goberno canto antes. Non lle quero pór ningunha data, non se se o 12 de decembro, o 20 de decembro ou o 8 de xaneiro. O que si está claro é que España necesita un Goberno canto antes".

E a formación dun Executivo "non só depende do PSOE" nun país onde "hai síes, nons e abstencións", senón que "depende de todas as forzas políticas". Por iso preguntou a todos os líderes: "¿Por que continúan no bloqueo? ¿Que alternativa ofrecen?".

Sánchez xa non descarta investidura en xaneiro, evita desvelar que negocia con ERC e pide responsabilidade a PP e Cs

"Encima das siglas", apelou unha vez máis "ao conxunto de actores políticos" a facilitar un Goberno que permita "afrontar desafíos tan graves e elocuentes" como o do cambio climático, para o que necesitará "non só conseguir a investidura, senón forxar alianzas parlamentarias".

POSITIVO. "Estamos moi preto dos 176 escanos", dixo Sánchez sobre unha investidura co apoio non só de forzas de esquerdas, senón doutras máis conservadoras, algo que considerou positivo para "construír unha maioría para botar a andar a lexislatura" e pór en marcha a axenda progresista. Nese sentido, a portavoz de Cs no Congreso, Inés Arrimadas, brindoulle unha oferta "para facer historia" cun acordo parlamentario moderado entre constitucionalistas.

"Quero propor unha maioría de 221 escanos moderados e constitucionalistas" para chegar a un acordo que permita pór en marcha un Goberno que deixe fóra a populistas, nacionalistas e separatistas, expuxo nunha rolda de prensa no Congreso. Aínda que para Arrimadas a mellor opción é a fórmula dun acordo parlamentario cun Goberno en minoría do PSOE, non descartou outras fórmulas. Insistiu en que Cs non esixe que estean os tres partidos no Executivo e que o importante é que haxa acordos de Estado en cuestións crave como "non dar nin auga aos nacionalistas", a blindaxe das pensións, afrontar os retos económicos e de emprego ou apoiar ás familias.

Cs plasmou esta oferta nunha misiva, da que non informou ao líder do PP. Fontes socialistas sinalaron que Sánchez accede a unha reunión con Arrimadas, pero non a tres bandas con Casado como propoñen desde o partido laranxa.

Comentarios