Pedro Volta: "De momento non volverei facer este truco"

O ilusionista concede unha entrevista a Telecinco e relata o truco que case lle custa a vida

O mago pontevedrés Pedro Volta xa está recuperado do incidente que case lle custa a vida a pasada fin de semana no III Festival Internacional de Maxia Navacerrada Ilusiona na localidade madrileña. Emulando a Houdini, o ilusionista quería zafarse dunha camisa de forza nun tanque cheo de auga e pechado con cadeados.

Este domingo concedeu unha entrevista ao programa de Telecinco Viva la Vida. Volta asegurou que xa realizara o truco "quince veces", aínda que esta última foi a menos afortunada e a que máis repercusión tivo.

"A camisa de forza estaba moi apertada e co esforzo de soltar unha manga e quitar a correa, gastei todo o osíxeno", narrou o mago no espazo televisivo.

A partir de aí, o ilusionista xa non recorda nada. "Non son consciente de cando me vou. Pasan uns minutos, sei que estou nun espazo baleiro e empezan a aparecer caras. Non sabía que pasaba", asegurou. Entón, viu que todos os que o rodeaban empezaron a chamalo polo seu nome. "¿Por que me chaman? Preguntábame. Entón foi cando me dei conta e todo se volveu real. A xente gritaba o meu nome", contou.

O ilusionista quixo dar as grazas aos servizos de urxencias que se atopaban no lugar e grazas aos que, pola velocidade coa que actuaron, puido salvar a vida.

"Non sufrín. Non tiven sensación de afogamento. Quedei como durmido", relatou Volta. "Pido perdón a toda a xente que se angustiou. Os magos queremos facer un número de tensión. Somos como nenos que necesitamos que alguén nos recorde. A maxia é moi bonita", recalcou.

Tamén quixo deixar unha cousa clara: "De momento non volverei facer este truco".

Comentarios