Plácido Domingo dimite como director da Ópera de Los Ángeles tras as acusacións de acoso

O tenor español, que asegura que continuará traballando para "limpar" o seu nome, cancela as súas actuacións no centro
Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO
photo_camera Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO

O tenor Plácido Domingo dimitiu este mércores do seu cargo de director xeral da Ópera de Los Ángeles e cancelou todas as súas actuacións no centro tras as acusacións de acoso sexual. Nun comunicado, Domingo recoñece que a publicación por parte da axencia Associated Press de testemuños de mulleres que dicían ser vítimas de acoso sexual crearon "unha atmosfera na que se comprometeu" a súa capacidade para servir a compañía. 

"Aínda que continuarei traballando para limpar o meu nome, decidín que o mellor para LA Opera é que renuncie como director xeral e que me retire das miñas futuras actuacións programadas neste momento", apunta o tenor español. Neste sentido, Domingo asegura que dá un paso atrás cun gran pesar e co desexo de que a ópera continúe "crecendo e sobresaíndo". "LA Opera estará no meu corazón", di Domingo, director xeral da institución desde 2003.

Tras as primeiras denuncias, en agosto, a Ópera de Los Angeles anunciou unha investigación sobre as acusacións a Domingo e a Orquestra de Filadelfia, a Ópera de San Francisco ou a Ópera de Dallas cancelaron as actuacións. 

A decisión do tenor de renunciar ao seu cargo chega despois de que cancelase o pasado mércores a súa actuación na Metropolitan Ópera de Nova York (Met Opera) e de que anunciase que non volvería actuar no coliseo estadounidense. 

Tras coñecer a dimisión de Domingo, LA Opera reaccionou agradecendo a súa achega "sen precedentes e profunda" á vida cultural de Los Ángeles. "Baixo o seu liderado, a Ópera de Los Ángeles foi coñecida polo seu espírito de creatividade colaborativa e a súa habilidade para atraer magníficos artistas de todo o mundo", subliña o comité executivo da xunta de directores nun comunicado.

Comentarios