Podemos sae da reunión "preocupado" pola postura "inamovible" do PSOE

"Basicamente limitáronse a presentarnos un programa electoral", manifestou Ione Belarra ao termo do encontro, que se alargou durante máis de catro horas
A portavoz adxunta de Unidas Podemos, Ione Belarra, atende á prensa tras a reunión. KIKO HUESCA (EFE)
photo_camera A portavoz adxunta de Unidas Podemos, Ione Belarra, atende á prensa tras a reunión. KIKO HUESCA (EFE)
A portavoz adxunta de Unidas Podemos no Congreso, Ione Belarra, manifestou a preocupación da súa formación tras máis de catro horas de reunión co PSOE para buscar un acordo de investidura porque, ao seu xuízo, a posición socialista foi "inamovible", ao insistir na vía do "partido único" no Goberno.

"ímonos sinceramente preocupadas porque basicamente limitáronse a presentarnos un programa electoral", dixo Belarra ao termo do encontro, no que, segundo a súa interpretación, as interlocutoras do PSOE "mostráronse profundamente inamovibles nas posicións nas que xa se mantiñan".

Neste sentido, lamentou que as socialistas se limitasen a presentar "unha terceira vía que en realidade é a primeira e a única vía que mantivo o PSOE, que é a do partido único".

A pesar diso, as dúas delegacións emprazáronse a manter o contacto nos próximos días para "seguir falando" e "se é posible", engadiu a deputada de Unidas Podemos, fixar outra reunión.

Por parte do PSOE participaron nas conversacións a vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, e a portavoz socialista no Congreso, Adriana Lastra.

Xunto a Belarra, o equipo negociador de Unidas Podemos estaba formado polo deputado Pablo Echenique e representantes das confluencias En Comú Podem, Jaume Asens, Equo, Juantxo Uralde, Esquerda Unida, Enrique Santiago, e Galicia en Común, Yolanda Díaz. 

Comentarios